A Xunta de Galicia avalou a solidez da candidatura a Xeoparque Mundial do Cabo Ortegal, salientando que a excepcional riqueza xeolóxica desta zona representa o punto forte da proposta galega e valeulle no seu día para superar un rigoroso proceso de selección no que competían catro candidaturas.
Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen participou en Cariño xunto á directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, nun acto organizado polos promotores para escenificar o apoio institucional ao proxecto coincidindo coa visita que realizan estes días á zona os auditores enviados pola Unesco.
Tras lembrar que desde o momento en que a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal empezou a traballar na proposta, a Xunta se implicou activamente na súa defensa, respaldo e difusión, Ángeles Vázquez subliñou o bo traballo feito nos últimos anos e que levou a que o pasado outono o Comité Nacional Español de Xeoparques decidira presentar a candidatura galega ante a Unesco xunto coa de Costa Quebrada, en Cantabria, sendo ademais a que obtivo a maior puntuación.
Por este motivo, a conselleira de Medio Ambiente amosouse convencida de que se trata dunha “proposta gañadora” e con garantías de éxito, a mesma impresión que, segundo dixo, agarda que se leven os auditores internacionais durante o seu percorrido polos diferentes puntos da zona proposta como Xeoparque.
Cómpre subliñar que o ámbito da candidatura abrangue case 630 km2 distribuídos entre 7 concellos—Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño— co denominador común de albergar unha grande riqueza e variedade xeolóxicas.
O Consello Executivo da Unesco dará a coñecer a súa decisión previsiblemente a próxima primavera, polo que a conselleira considerou que se Cabo Ortegal se converte no segundo Xeoparque Mundial declarado en Galicia —o primeiro e único ata o momento é o Xeoparque Montañas do Courel—, a decisión daríalle un pulo importante a esta zona, contribuíndo á difusión dos seus valores naturais, paisaxísticos e culturais, ademais de ofrecer novas oportunidades desde o punto de vista económico e turístico para os seus máis de 28.000 veciños.
Así mesmo, lembrou que a declaración de Xeoparque Mundial engadiríase ao resto de distintivos de protección cos que xa conta Cabo Ortegal -catro zonas de especial conservación, dúas de especial protección de aves, dous humedais de importancia Ramsar e varios hábitats de interese comunitario- e suporía un “máis que merecido” recoñecemento internacional á singularidade deste territorio.