O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación das obras Camiño de lenda, de Rafael Fontoira, e Catro mulleres de palabra, coordinado por Marcelino Agís, enmarcadas dentro da decimoterceira edición das xornadas culturais Sanxenxo na Historia, que contan con apoio da Xunta.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fixo fincapé “na calidade da trama novelada Camiño de lenda, que afonda nos aspectos culturais máis enriquecedores do noso Camiño, dándolle ao lector a oportunidade de coñecer a través do seu relato algunhas das moitas lendas xacobeas e outros elementos do imaxinario popular”. Do mesmo xeito, referíndose a Catro mulleres de palabra, recalcou a “importancia de visibilizar as historias dunha xeración de escritoras na que a muller emerxe no panorama cultural galego e español para conquistar unha posición sobranceira no ámbito da literatura e do pensamento da súa época”.
Xunto ao secretario xeral de Política Lingüística tamén estiveron presentes no Auditorio Emilia Pardo Bazán Rafael Fontoira, autor de Camiño de lenda; Marcelino Agís, profesor, escritor e investigador; Manuel Núñez, editor da Editorial Fervenza, e Armando Requeixo, un dos escritores de Catro mulleres de palabra. A xornalista Pilar Falcón foi a encargada de moderar o encontro.