O Casal de Ferreirós en Poio dixitalízase ao abeiro do programa Tourist Inside


A dixitalización das oficinas de turismo adheridas á Rede Info Rías Baixas chega tamén ao Casal de Ferreiros, en Poio. A oficina poiense beneficiarase desta iniciativa, encadrada no programa europeo “Tourist Inside” da Deputación de Pontevedra e que lle permitirá contar con elementos dixitais que avalan un novo modelo de atención ao turismo.

A oficina aposta pola dixitalización da experiencia do turista que se achega a pedir información coa incorporación dunha pantalla dixital de 55 polgadas na que ofrecerá información do destino Pontevedra provincia mediante a interconexión coa Rede Info Rías Baixas. Ademais, disporá dunha tableta na que as persoas visitantes poderán realizar enquisas de satisfacción.

O salto ao mundo dixital non só atinxirá á oficina, senón que chegará a distintos puntos do municipio coa colocación de 19 “beacons”, unhas balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth.

No ano 2020 esta oficina acadou a “Q” de Calidade turística, un distintivo que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e que converte á oficina nunha referencia na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.

A Rede Info Rías Baixas conta con 33 oficinas espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.