O conselleiro do Medio Rural, José González, reiterou hoxe na inauguración da LXX Festa do Albariño de Cambados o compromiso da Xunta cos viños da denominación de orixe Rías Baixas en particular e cos das diferentes zonas de produción de toda Galicia en xeral. A cita báquica reune a milleiros de persoas estes días na vila cambadesa que se achega ata o Paseo da Calzada onde están situadas as 42 casestas que acollen a 44 adegas da D.O. Rías Baixas.
Por outra banda, 153 macas de viño de 54 adegas destta denominación participan no XI Túnel do Viño que, no Salón José Peña, abrirá as súas portas o xoves 4 de agosto ata o sábado 6 de agosto.
As persoas asistentes contarán co asesoramento dun catador profesional. O horario de apertura das instalacións o xoves e venres será de 11:00 a 15:00 horas e de 17:30 a 21:30 horas, mentres que o sábado o horario será de 11:00 a 15:00 horas.
Tamén é de resaltar A Cata Concurso Rías Baixas Albariño da anada 2021, que é a cegas, e que comezará o xoves, ás 10.00 horas, coa denominada Cata Prima. Durante a mesma, o panel de cata dividirase en dúas para avaliar todos os viños participantes no certame, que serán puntuados segundo a normativa da Organización Internacional do Viño (OIV).Os catorce mellores viños pasarán á Cata Derradeira, que se celebrará ao día seguinte, o venres, ás 11.00 horas. Como resultado da mesma sairán as tres marcas premiadas, que os converterán nos mellores Rías Baixas Albariño da Anada 2021. Os galardóns serán entregados durante o xantar oficial do Capítulo Serenísimo, que terá lugar o domingo 7 de agosto no Pazo de Torrado.