Poio e Goberno central traballan no plan de usos da Illa de Tambo




O alcalde, Luciano Sobral, e o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSOE), recibiron na Casa Consistorial, acompañados polo equipo de Goberno, á secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, que se achegou ata Poio para participar nunha visita á Illa de Tambo. Trátase do primeiro acto institucional que se celebra nesta emblemática paraxe desde que o Concello asumise a súa xestión, despois de asinar co Ministerio de Defensa a concesión demanial o pasado 1 de marzo.

A representante da institución estatal tivo a ocasión de pasar revista ao aspecto que presenta a illa na actualidade, na que se están a realizar traballos periódicos de limpeza, desbroce e valado de zonas de protección para garantir a súa preservación, ao tempo que se seguen a permitir visitas guiadas, tanto abertas para a cidadanía como para asociacións e colectivos, previa solicitude. Na comitiva tamén estiveron presentes a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Cortés.

A expedición visitou os restos do lazareto, da capela de San Miguel, a praia principal e o antigo polvorín. Á súa conclusión, o alcalde e o concelleiro de Urbanismo expresaron o seu agradecemento a Valcarce pola súa visita e o interese amosado por coñecer Tambo, así como a predisposición amosada polo Goberno central á hora de facilitar a recepción da xestión da illa por parte do Concello. Neste sentido, o alcalde Sobral sinalou que “desde que asinamos o convenio o sistema de visitas está funcionando ben, ao mesmo tempo que poñemos a illa en valor e preservamos a súa riqueza patrimonial e medio ambiental”. O líder do Goberno local entende que a xestión “é un reto para o Concello que se está a facer de forma axeitada”. Sobral incidiu no “compromiso de todos e todas para que Tambo sexa un referente de Poio e de toda a ría de Pontevedra. Para iso, seguiremos a traballar para recuperar todos os elementos de valor que existen na illa”.

O edil de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, recalcou a “conexión absoluta e total” que a Administración local e o Goberno central manteñen neste tipo de xestións. Agís lembrou que se está a traballar no desenvolvemento do Plan de Usos de Tambo, que “ademais de definir o futuro da illa e as pautas de actuacións para acometer a súa transformación tamén nos facilitará a consecución de fondos, a través de diferentes institucións, para conservala, poñela en valor e consolidala como referente”.

Pola súa banda, a secretaria de Estado de Defensa definiu como “histórica” a concesión demanial acordada entre o Concello de Poio e o organismo estatal e corroborou a predisposición á colaboración entre ambas institucións para continuar consolidando á Illa de Tambo como un enclave referente a nivel patrimonial, cultural, medio ambiental, social e turístico. Amparo Valcarce puxo como exemplo da boa sintonía existente entre o Concello e o Ministerio a constitución da Comisión de Seguimento da Concesión Demanial, a través da cal se analizan os pasos dados na xestións da illa desde que se asinou o documento o pasado 1 de marzo.