Rueda ve nos datos de xullo e agosto un ano turístico extraordinario


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou este martes que o récord de viaxeiros rexistrado na Comunidade no mes de xullo e a previsión de pechar un agosto con cifras históricas para o turismo acredita a recuperación do sector e encamiña un remate de ano extraordinario neste eido.

Na súa visita ao renovado albergue de peregrinos na localidade luguesa de Palas de Rei, no trazado do Camiño Francés, o titular do Goberno galego celebrou o fito acadado polo turismo galego no devandito mes, logo de recibir 615.000 viaxeiros e rexistrar 1,3 millóns de pernoitas en establecementos hoteleiros. Un dato sen precedentes que se suma a outros igualmente positivos para o conxunto do sector, como as 300.000 compostelas entregadas ata o momento, na segunda metade do Xacobeo dobre.

Rueda avanzou que Galicia está a vivir un agosto espectacular cunha ocupación de entre o 90 e o 95%, segundo datos facilitados polo propio sector, o que augura que se pechará o mes cun novo récord de turistas e apunta a cifras igualmente positivas de cara a final de ano. “Agora que entra o Bono Turístico a partir do 15 de setembro, cos bos meses que lle quedan ao Camiño, unido ao turismo interior, vai facer que rematemos o 2022 con cifras fantásticas”, expresou.

Así mesmo, aplaudiu que a recuperación turística sexa un feito despois dos apoios activados pola Xunta para consolidar Galicia como destino seguro, entre os que se atopan os 120 millóns en axudas directas ao sector, as iniciativas de referencia nacional como o Bono Turístico #QuedamosEnGalicia e o Seguro Coronavirus, así como as campañas de promoción realizadas a nivel nacional e internacional.

Ademais, o presidente subliñou a importancia de ofrecer aos visitantes, e especialmente aos peregrinos, uns aloxamentos confortables e de nivel. Por esa razón, explicou que a Xunta investiu 441.000 € na mellora das instalacións e na eficiencia enerxética do albergue de Palas de Rei e que realizará durante este ano actuacións de modernización no 90% dos albergues públicos da Comunidade, por importe de 2 millóns de euros.
 

Con vistas ao futuro, o titular do Goberno galego fixo un chamamento a coidar do Camiño e do modelo turístico de Comunidade, que vela pola sustentabilidade e polos espazos non masificados. “O turismo en Galicia aínda nos ten que dar moitas alegrías”, sentenciou.