A Deputación da Coruña e a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario seguirán promovendo durante 2022 o ciclo cultural "Martes das Artes".
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado responsable da área de Cultura, Xurxo Couto, e o presidente da Real Academia, Manuel Quintana Martelo, asinaron hoxe o convenio polo que a institución provincial colaborará no financiamento da actividade cunha achega económica de 20.000 euros, que representa o 80% do orzamento total do ciclo.
Faladoiros, conferencias, proxeccións de cine ou presentación de libros son algunhas das actividades que cada martes acolle a sede da Real Academia na Coruña ou outras localizacións da provincia, cedidas para actividades do ciclo.
Todas as actividades son gratuítas e teñen como obxectivo contribuír a difundir a cultura e o patrimonio galego.