3,5 M€ para os plans de destino turístico sostible de Pontevedra e o Condado-Paradanta


O Consello da Xunta autorizou este xoves a subscrición dos convenios de colaboración entre a
Axencia Turismo de Galicia e a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra
para a execución de sendos plans de sustentabilidade turística en destino no marco do
Plan de recuperación, transformación e resiliencia, por un importe total de 3,5 millóns
de euros.

O Concello de Pontevedra presentou o proxecto “Plan de sustentabilidade turística en
destino cidade de Pontevedra”, que conta cun orzamento de 2 millóns de euros e engloba
actuacións como a continuación da Vía Verde do Salnés no concello de Pontevedra, o
programa de iluminación de espazos naturais, a conexión da cidade con parques
forestais, actuacións de márketing dixital, Apps e redes sociais. Ademais, inclúe a
creación de Pontevedra Capital Gastro, sinalización, e a posta en marcha dun
observatorio turístico e formación para o sector turístico.

Por outra banda, grazas ao convenio coa Deputación de Pontevedra destinaranse 1,5
millóns de euros para o proxecto “Condado Paradanta – Unha terra entre ríos”, en que se
engloban actuacións como a elaboración dun plan director da contorna do Castelo de
Vilasobroso, traballos de renaturalización nas ribeiras dos ríos, un plan de iluminación
eficiente do patrimonio e un plan integral de mobilidade do destino GDR Condado
Paradanta. Inclúese tamén a creación do primeiro museo ao aire libre da Festa do
Corpus Christi en Ponteareas, a elaboración dun club de produto da lamprea, a
recuperación e posta en valor do patrimonio etnográfico e melloras para o Centro do
Tea, ademais da creación dun centro BTT.