73 casas de turismo rural participan na 16 edición do Outono Gastronómico


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe a 16ª edición da campaña 'Outono Gastronómico', na que participan 73 casas rurais das catro provincias galegas, que ofrecerán, entre o 16 de setembro e o 18 de decembro, dous menús diferentes deseñados especificamente para a campaña, que incluirán na súa composición produtos galegos con certificación de calidade. Dos 73 establecementos rurais participantes, 22 atópanse na provincia de Coruña, 19 en Lugo, 17 en Ourense e 15 en Pontevedra.

Segundo explicou Nava Castro, esta edición amosa a relevancia que ten a campaña, tanto por parte dos locais colaboradores como do público que, ano a ano, participa nesta difusión da nosa oferta turística ao redor do eido rural, da que ata agora xa se beneficiaron máis de 77.615 persoas.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia destacou que esta cita é unha gran oportunidade para a promoción de produtos senlleiros da gastronomía de Galicia así como das 5 denominacións de orixe dos viños e os licores tradicionais da nosa Comunidade.

Haberá un autobús promocional de dous pisos polas principais cidades de Galicia, que estará informando sobre a campaña. En cada unha das sete localidades nas que se estacione, as persoas que se interesen pola campaña poderán achegarse e participar nunha ruleta. Entregaranse en total 14 premios de Fin de Semana Outono Gastronómico e 1.400 carballos, xa que coa entrega destas plantas de carballo ratificase o compromiso co medio ambiente e contribuír na loita colectiva contra os lumes forestais, favorecendo a plantación de especies autóctonas.

O 16º Outono gastronómico terá un sitio propio na web de Turismo de Galicia www.turismo.gal, no que se recollerá toda a información da campaña.