A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou este xoves dos usuarios e usuarias que, durante o mes de agosto, viaxaron nos catamaráns da Deputación de Lugo pola Ribeira Sacra. Máis de 15.000 persoas, un 90% da capacidade total das embarcacións, realizaron algunha das dúas viaxes que oferta a institución provincial, uns datos “moi positivos e que indican a consolidación deste deste servizo na oferta turística da provincia de Lugo”.
Durante o mes de agosto, a viaxe polo Canón do Sil contou con cinco frecuencias horarias e, no caso da ruta Cabo do Mundo, fixéronse tres viaxes diarias. En ambos casos, coincidindo co verán hai percorridos de luns a domingo en horario de mañá, tarde e noitiña, uns horarios que se manteñen durante o mes de setembro.
“Estamos notando unha tendencia á alza de viaxes en pequenos grupos, con familia e amigos, pero tamén un gran incremento de pasaxeiros internacionais”, destacou a Deputada e recordou que no mes de xullo viaxaron preto de 9.000 persoas, o que fai un total duns 25.000 viaxeiros no período estival.
“As rutas fluviais favorecen á proxección da Ribeira Sacra, e son unha boa maneira de promocionar o noso territorio a través do turismo de calidade, proximidade e non masificado. Un motor económico no que destaca que o 60% dos usuarios desta alternativa turística elixe un aloxamento da Ribeira Sacra para facer noite”, subliñou a Deputada. Por esta razón, a institución provincial adiantou nos últimos dous anos o arranque de tempada á ponte de San Xosé.
García Porto sinalou que a previsión para os vindeiros meses é moi boa. “Un dos grandes atractivos destes percorridos nas vindeiras semanas é a vendima, que seguro que atraerá a un gran número de viaxeiros. Ata finais de tempada xa temos preto de 7.000 prazas reservadas”, adiantou a Deputada.
Na actualidade, o perfil dos usuarios e usuarias deste servizo provincial son pequenos grupos de familias ou amigos, así como viaxeiros galegos e doutras comunidades autónomas que se achegan á Ribeira Sacra para coñecer a comarca e o que esta ofrece. Así mesmo, o 40% dos viaxeiros que realizan este percorrido sinalan que a ruta en catamarán é a súa actividade principal en destino.
A Deputación de Lugo estreou esta temporada unha nova web de reservas para as rutas fluviais pola Ribeira Sacra. Todas as persoas interesadas en coñecer as paisaxes da Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da institución provincial poden formalizar a súa reserva na web https://reservas.rutasembalses.es.
Nesta edición mantéñense a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, e que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada, tamén cunha duración aproximada de 2 horas.
Dende o 1 de outubro e ata a ponte de decembro, a ruta do Canón do Sil pasará a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, a excepción da ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro. No caso da Ruta Cabo do Mundo, pasarán a funcionar nese período só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.
As dúas rutas rematarán a temporada na ponte de decembro con viaxes todos os días do 3 ao 11 de decembro.