A Ruta do Viño de Valdeorras vai promover na comarca a celebración do I Foro Camiño de Inverno por Valdeorras: camiño, paisaxe e viño nas terras do Sil. Unha iniciativa que, tal e como destacou o presidente desta entidade, Joaquín Sánchez, pretende “dar a coñecer a contorna de Valdeorras e a súa paisaxe, e achegarnos a súa historia a través do mundo do viño e empregando o Camiño de Inverno como elemento vertebrador das actividades que se levarán a cabo”.
Na comparecencia informativa para anunciar esta iniciativa participaron, ademais o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando; o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García e o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.
O desenvolvemento deste foro é posible grazas ao apoio da Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do Xacobeo 2021-2022. O Consello Regulador e os concellos do Barco de Valdeorras e A Rúa, nos que se desenvolverán cadansúa das xornadas que compoñen o foro, apoian tamén a iniciativa.
Aínda que particularmente as xornadas que se desenvolverán diríxese aos profesionais do mundo do viño: empresarios e empresarias do sector turístico e representantes de entidades de promoción turística, o foro tamén está orientado aos traballadores do eido turístico, en xeral, e a aqueles que desenvolvan a súa actividade no ámbito do desenvolvemento rural.
Porén, tal e como destacou Sánchez na rolda de prensa “peregrinos e peregrinas, persoas de Valdeorras e público en xeral serán tamén benvidos á iniciativa, que se desenvolverá en dúas xornadas ou seminarios-taller independentes: a primeira delas, o 8 de outubro na Casa do Río Cigüeño, no Barco de Valdeorras, e a segunda, o 15 de outubro, no Centro Cultural Avenida da Rúa”.
O seminario-taller do Barco levará por título Enoturismo no Camiño de Inverno por Valdeorras e o da Rúa Viño, tradición e historia no Camiño de Inverno por Valdeorras. O foro contará nas sesións matutinas con relatorios a cargo de recoñecidos estudosos e profesionais da historia, a cultura ou o mundo do viño.
As actividades serán complementadas con saídas de campo nas xornadas de tarde, destinadas ao coñecemento do Camiño de Inverno por Valdeorras en xeral, e ao goce da paisaxe e dos viños de Valdeorras, máis en particular.
Con esta iniciativa, a Ruta do Viño de Valdeorras, en palabras do seu presidente, quere “fomentar o fluxo de visitantes á nosa zona”. “Porque cada un deles é susceptible de ser converter logo en embaixador da nosa terra, da nosa gastronomia, do noso patrimonio e, por suposto, dos nosos viños”, abondou. “
E coidamos que potenciar o Camiño de Inverno, unha gran ruta xacobea aínda descoñecida polo gran público, constitúe un xeito extraordinario de fomentar a chegada de visitantes á nosa comarca”, concluíu Sánchez.
Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, indicou durante a súa intervención na rolda de prensa que “temos un gran recurso turístico na comarca, que non está suficientemente explotado a día de hoxe: o Camiño de Inverno. Cómpre traballar para poñelo en valor como se merece”.
Mentres, o rexedor da Rúa, Álvaro Fernández convidou a todos os interesados a participar no foro e destacou que a iniciativa axudará a “potenciar turisticamente o sector vitivinícola da zona: bodegas, viños, paisaxe e, por suposto, as covas”. Finalmente, Alfredo García, alcalde do Concello do Barco de Valdeorras puxo en valor “a unión entre os municipios e o sector empresarial da comarca para poñer en valor os moitos atractivos de Valdeorras. E un deles é, por suposto, o enoturismo”.