A Xunta busca un modelo baseado en novos procesos produtivos e nun consumo máis eficiente


O director do Igape, Fernando Guldrís, participou este mércores na inauguración da xornada A economía do futuro é circular, levada a cabo no Parque Tecnolóxico de Galicia, onde salientou a importancia da economía circular de cara a promover un modelo económico que facilite novos procesos produtivos e un consumo máis eficiente.

“Avanzar cara a unha economía máis circular xa non debe ser só unha alternativa, senón que é o camiño a seguir para reducir a presión sobre a contorna, mellorar a seguridade e subministración de materias primas, aumentar a competitividade e a innovación das nosas empresas, e apostar polo crecemento dun emprego cada vez máis verde”, afondou Guldrís, nun encontro celebrado no marco do programa Capacita Directivos.

Esta iniciativa, lembrou, inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O programa, xa consolidado, permitiu nas cinco primeiras edicións realizar máis de 70 actividades formativas nas que participaron máis de 15.000 asistentes, en presencial e en liña.

Neste marco, o director do Igape lembrou que Galicia ten en marcha a Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030, que establece como principios básicos para a transición cara a este modelo económico a redución, reutilización e reciclaxe e as estratexias de deseño sostible. “Redución, reutilización e reciclaxe son principios transversais que se deben aplicar ao longo de todo o ciclo de produción, consumo e xestión dos materiais ao final da súa vida útil”, incidiu.

Sobre esta base, Guldrís destacou que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, puxo en marcha este ano un programa específico para o desenvolvemento da economía circular na procura de promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.

Unha liña que, como expuxo, permitirá, entre outros, desenvolver proxectos centrados na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.

“Desde a Xunta queremos mirar ao futuro, e temos que facelo coa vista posta nos fondos Next Generation”, proseguiu o director do Igape, quen avogou por aproveitar as oportunidades que ofrece o Perte de Economía Circular, no que destaca “a natureza transversal dalgunha das súas liñas de actuación”.