Aberto o prazo para estar na misión comercial que acudirá á feira TTG Incontri Rimini




O Clúster suma novas datas ao seu calendario de accións internacionais para este outono. Ademais da viaxe prevista do 6 ao 9 de novembro Á WTM London, xa traballa nos preparativos para desprazarse tamén a terras italianas e participar na feira internacional TTG Incontri Rimini, que se desenvolverá do 12 ao 14 de outubro. Como no caso da capital británica, o Clúster encabezará unha misión comercial na que poderán participar algúns dos socios da entidade.

O Clúster pon ao dispor dos seus socios 6 prazas para tomar parte na TTG Incontri Rimini. Están destinadas a representantes do sector da comercialización e a distribución (maioristas e axencias de viaxes), así como do aloxamento (hoteis, cámpings, turismo rural, etcétera) e da oferta turística complementaria.

Os interesados en participar na misión comercial deben enviar un correo electrónico a secretariatecnica@clusterturismogalicia.com antes do 10 de setembro indicando os seus datos persoais (nome, apelidos e DNI) e os de facturación da entidade asociada ao CTG (razón social, domicilio social e NIF) para efectuar a pre-reserva.

Con case 60 edicións ás súas costas, a TTG Incontri Rimini presume de ser “máis que unha feira comercial de viaxes. É unha plataforma única onde pode descubrir as últimas tendencias na industria de viaxes, coñecer profesionais e expertos de todo o mundo e facer crecer a súa rede e o seu negocio”.