A Xunta, a través de Portos de Galicia, Secretaría Xeral para o Deporte e a Axencia Galega de Emerxencias, vai manter máis alá do verán a campaña informativa X unha costa + segura, posta en marcha no período estival para minimizar a interacción entre bañistas e navegantes e reforzar a seguridade nas franxas litorais. Así o anunciaron esta mañá o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, ao facer balance do impacto da iniciativa nestes meses.
Os representantes do Executivo autonómico explicaron que no marco desta acción divulgativa se instalaron 500 carteis informativos en diferentes puntos sensibles de interacción entre navegantes e bañistas como instalacións portuarias flotantes e instalacións de deportes náuticos, entre outras. Estes carteis recollen as principais limitacións normativas para o acceso a praias, portos e zonas costeiras en condicións de seguridade.
Ademais, co obxectivo de dar maior difusión a esta campaña, a Xunta remitiu toda esta información á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a todos os concellos costeiros galegos, así como ás federacións deportivas vinculadas coas prácticas náuticas, solicitando a súa colaboración na difusión das principais recomendacións para reforzar a seguridade.
Entre as principais limitacións que recolle a normativa, destaca a de navegar a unha velocidade dun máximo de 3 nós en todas as aproximacións á costa. Nos casos de tramos de costa non balizados como zona de baño, enténdese que esta ocupa unha franxa de mar contigua á costa dunha anchura de 200 metros nas praias e de 50 metros no resto da costa, polo que nesas zonas non se pode navegar a máis desa velocidade e extremando a seguridade.
Ademais, todas as embarcacións que accedan a praias desde o mar e viceversa deben facelo perpendicularmente e con esta mesma limitación de seguridade e ningunha poderá acceder ao interior dunha zona balizada, reservada exclusivamente para bañistas. Finalmente, nas zonas portuarias a velocidade máxima é tamén de 3 nós e non está permitido o baño nin o acceso a ningún equipamento.