Arrinca a II Festa das Cunchas e Pontevedra voa para ser Capital Gastro Española en 2023


A II edición da Festa das Cunchas, a festividade gastronómica máis identitaria e potente do proxecto Pontevedra Capital Gastro e do noso concello, terá este ano un sabor moi especial, ao converterse nunha exhibición máis de ‘músculo’ en pleno sprint final da nosa cidade de cara a converterse en Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023. O evento, homenaxe ao mellor marisco de cuncha da nosa ría (mexillón, navalla, vieira, berberecho, zamburiña, ostrón, ameixa e escupiña), arrinca cun novo Roteiro de Petiscos protagonizado polos establecementos de hostalería de Pontevedra, incluirá a celebración da agardada e emocionante Batalla das Cunchas e traerá como principais novidades a instalación dun Mercado das Cunchas na Praza de España entre os días 6 e 9 de outubro e a estrea dun Circuíto de Orientación Gamificada ‘quiztrack’ (preguntas e respostas) ‘Cidade Candidata a CEG 2023’, xestionado a través dunha App e dotado dun mapa da zona, un panel explicativo e 15 puntos de control sinalizados con códigos QR.

Un intenso e delicioso programa de actividades que se vai desenvolver coincidindo co envío, á Federación Española de Xornalistas e Esctritores de Turismo, do dossier que a Concellería de Promoción Económica e Turismo e a firma Carta Blanca elaboraron para expoñer os argumentos cos que aspiramos a recoller a testemuña de Sanlúcar de Barrameda como CEG. Un extenso informe documental escrito, fotográfico e audiovisual cuxa expedición se produce tralo acto de presentación desta II Festa das Cunchas, que tivo lugar este xoves no Mercado de Abastos e no que participaron os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes; o responsable comercial de Estrella Galicia en Pontevedra, Miguel Ángel Vázquez; os responsables da firma TricTrack (que porá en funcionamento o Circuíto de Orientación e desenvolveu a App), Martín Morales e Arantza Jiménez, e os compoñentes dese ‘all star’ da restauración local que conforman a Banda Cociñas de Pontevedra: Marta Santiago, de A Fervella; Pablo Romero, de Bagos; Carlos Barreira, de Bocarte; Carmen Canabal, de Causa Street Food; Rubén González Vallejo, de El Cafetín; Vicente Tortajada, de La Culpa de la Gula; Marcos Romero, de Mar de Fóra; Marta García, de Meigas Fóra; Iñaki Bretal, de O Eirado da Leña; Sergio Roma, de O Souto, e Toño Mora e Andrés Muñoz, de O Padal da Santiña.

Tal e como salientou Yoya Blanco, “estamos unha edición moi especial da Festa das Cunchas, na que imos incidir na candidatura de Pontevedra a Capital Española da Gastronomía, que se pon en marcha hoxe mesmo co Roteiro de Petiscos con 20 establecementos hostaleiros e que potenciará substancialmente o seu programa co Mercado das Cunchas que estará na Praza de España entre os días 6 e 9 de outubro, onde tamén se entregará o premio Loureiro de Ouro”. Neste sentido, a concelleira socialista aproveitou a presentación para desvelar o nome da institución á que neste 2022 lle será outorgado o Loureiro: “O CIFP Carlos Oroza, pola súa contribución á gastronomía durante os seus 25 anos de historia”. O acto de entrega deste galardón, que na súa primeira edición recibiu o barrio da Moureira (de mans do Gremio de Mareantes), terá lugar o venres 7 ás 12:00 horas no propio Mercado das Cunchas. “Hai institucións que son vitais nese longo camiño que estamos a percorrer para seren Capital Española da Gastronomía 2023 -subliñou Blanco- e unha delas é o CIFP Carlos Oroza”.