Betanzos homenaxea o seu produto estrela nunha nova Semana da Tortilla


O Concello de Betanzos volve apostar pola promoción do seu produto estrela: a tortilla. A alcaldesa, María Barral, presentou unha nova edición da Semana da Tortilla 2022, a XII, que este ano se celebrará entre este 30 de setembro e o 9 de outubro, e na que participarán 19 locais hostaleiros.

O Concello volverá a organizar o certame con catas a cegas para escoller o gañador do certame o domingo día 9 e o cinco finalistas. É dicir, en lugar de probar a tortilla en cada un dos establecementos participantes, serán os hostaleiros e as hostaleiras quen leven as tortillas ao Liceo para ser degustadas polo xurado sen saber o nome do local onde se fixo.

Desa cata sairán as cinco tortillas finalistas para o domingo día 9 que serán valoradas por un xurado profesional. As persoas integrantes deste xurado serán as encargadas de escoller a mellor tortilla de Betanzos nunha cata que será retransmitida polas redes sociais do Concello.

O prezo, do mesmo xeito que a porción de tortilla que se ofrecerá en cada tapa, está recollido nas bases da organización, e será de 2 euros. As persoas que proben a tortilla en cinco locais diferentes entrarán este ano no sorteo de cinco experiencias gastronómicas para dúas persoas nun dos restaurantes da biosfera, certificados no ano 2019 na Marca de Calidade, coa colaboración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Para iso as persoas participantes poderán entregar o cupón con cinco selos dos locais participantes en calquera dos establecementos. O sorteo terá lugar o próximo 14 de outubro ás 13:00 h no Salón Azul do edificio Arquivo. Ademais, nese mesmo cupón poderase votar pola mellor tortilla. A que máis votos reciba será a gañadora na categoría de PREMIO POPULAR.

Os locais participantes na Semana da Tortilla terán un cartel identificativo. A tortilla servirase entre as 12:00 h e as 15:00 h pola mañá e as 20:00 h e as 22:30 h, excepto, os venres e os sábados, nos que o horario será de 20:00 h a 23:30 h, aínda que un gran número de establecementos ampliarán este horario. Tamén haberá un concurso a través das redes sociais de Betanzos Tan Cerca, en Twitter @BetanzosCerca, en Facebook www.facebook.com/betanzostancerca e en Instagram @betanzostancerca.

Os locais participantes son Adega Lastras, TREZE, Cervexería Yocri, El Plaza, Mesón, A Vaca Tola, Bar Restaurante Ternera Grill, Los Picapiedra, Xamonería El Ibérico, Soportal Taberna, Restaurante Casanova, Bar Galicia, Vinoteca Versalles, Café Bar La Goleta, Bar O Rabel, La Travesía, Paxeiro by Jenny, El Rincón de Eli y Café Bar Jenny O Bacel.