Un dos obxectivos dp Clúster Alimentyario de Galicia (Clusaga) é mellorar o posicionamento das empresas alimentarias galegas nos mercados internacionais. Co apoio da convocatoria IG208 do Instituto Galego de Promoción Económica, organiza unha misión comercial inversa con Holanda para estreitar relacións comerciais entre empresas galegas e importadores e distribuidores deste mercado. Esta misión contará coa participación dun total de catro importadores ou distribuidores procedentes de Países Bajos, que acudirán a Galicia para reunirse coas empresas.
A misión levarase a cabo a través de dúas modalidades. A modalidade A consiste na organización de reunións cos importadores por un custo de 25€/reunión. A modalidade B inclúe, ademais, as visitas a fábricas ou adegas cos importadores, e ten un custo adicional de 75€.
O mercado holandés
Holanda é un país de máis de 17 millóns de habitantes, e está considerado entre os máis globalizados do mundo. Posúe unha gran combinación de etnias e culturas, ademais dun constante tránsito de mercancías que entran polos seus portos, sendo Rotterdam o máis importante (e o maior de Europa).
O comercio exterior do país representa un dos principais pilares da súa economía. Asimesmo, o comercio minorista avalíase en máis de 80.000 millóns de euros e os consumidores holandeses seguen preferindo as tendas dos seus barrios, o que fai que as pequenas tendas especializadas manteñan unha cota importante no mercado de distribución holandés.
Participación e selección
Os importadores invitados serán quen seleccione, a partires das fichas das empresas inscritas, aquelas coas que desexen manter unha reunión, así como as fábricas que desexen visitar. Ademais, os importadores resérvanse o dereito de desestimar tanto a reunión coma a visita ás instalacións de empresas cuxos produtos non respondan aos seus intereses.
A participación nestes encontros inclúe tanto a confección dunha axenda personalizada, coma a difusión dos perfís das empresas entre os importadores invitados. Isto último levarase a cabo facilitando un directorio das empresas participantes aos importadores.
Os encontros de ambas modalidades serán organizados por Clusaga. As reunións (25€/reunión) terán lugar en Santiago de Compostela na tarde do 6 de outubro, e a súa duración será de media hora aproximadamente. As visitas ás fábricas ou adegas (25€/reunión + 75€/visita) levaranse a cabo durante os días 5 e 6 outubro.
A participación nesta misión require inscrición previa a través do formulario de manifestación de interese que aparece a continuación, sendo a data límite para facelo o 21 de setembro de 2022. Para máis información pode contactar con Clusaga no teléfono 881 043 687 ou no correo international@clusaga.org