O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto do acordo polo que se declara festa de interese turístico de Galicia a Festa da Pataca do Concello de Coristanco, que se celebra anualmente cada terceiro domingo de setembro.
Unha vez examinada a solicitude presentada polo Concello e logo dos trámites preceptivos e a aprobación do Consello Galego de Turismo, emítese informe favorable onde se valora a creatividade e a innovación na celebración do evento, o nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos para a celebración da festa e a recepción de visitantes, a afluencia de visitantes, a coordinación das entidades públicas e privadas involucradas na celebración e o adecuado coidado dos contornos urbanos, monumentais ou paisaxísticos onde se desenvolve.
A Festa da Pataca remóntanse ao ano 1980 e nela únense patrimonio, tradición e gastronomía. Trátase dunha manifestación cultural e social de enaltecemento do produto da pataca de Coristanco, froito nesas terras da dedicación ao traballo de agricultores e produtores.
Esta festividade ten a súa orixe na necesidade de dar a coñecer a calidade do produto gastronómico que atopa na terra de Coristanco un óptimo lugar para o seu cultivo, pola conxunción da climatoloxía húmida e temperada desta xunto coas condicións do seu solo. Foi unha das primeiras festas gastronómicas de Galicia e naceu nun momento de predominio do traballo agrícola e de cultura enraizada na vida rural.