O Concello de Ferrol continúa poñendo en marcha medidas encamiñadas a recuperar e incentivar o consumo no comercio local. A concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, presentou os ‘Bonos comercio Ferrol’, unha nova iniciativa que busca animar á poboación a mercar nos establecementos comerciais de todo o municipio a través do reparto de rascas premiados por un importe total de 4.000 euros. Os comercios interesados en participar poden adherirse á campaña de xeito totalmente de balde ata o 7 de outubro enviando a súa inscrición a bonoscomercio@ferrol.es. Poden atopar o formulario e toda a información na web https://www.ferrol.gal/bonoscomercio.
‘Bonos comercio Ferrol’ é unha iniciativa baseada no reparto, tanto na rúa como nos locais que se sumen a esta iniciativa, de rascas que no caso de estar premiados poderán gastarse nunha única compra entre o 24 de outubro e o 17 de decembro nos establecementos que participen. Cada boleto estará marcado co cor dunha das cinco categorías que establece a campaña segundo o sector comercial —moda, alimentación, ocio, fogar ou look (florerías, droguerías, xoierías, óptica, entre outros)— ao igual que os comercios, que lucirán nos seus escaparates o cor da categoría á que pertence. Emitiranse preto de 3.300 bonos, que poderán estar premiados con 10 ou 20 euros. Tamén haberá dous especiais, denominados ‘Arcoiris’, de 100 euros cada un.
O canxeo de bonos realizarase nos establecementos adheridos á campaña e poderán gastarse no sector de actividade que resulte premiado. Para poder gastalos, o importe da compra deberá ser igual ou superior ao importe do bono e só se poderá utilizar un en cada compra. Unha vez rematado o prazo de inscrición para os comercios, a web do Concello de Ferrol publicará a listaxe dos locais participantes.
Para dar a coñecer a nova campaña, durante os primeiros días da campaña un trasgo percorrerá o municipio cargado de rascas para repartir entre a poboación. Tamén poderanse retirar nos locais adheridos á campaña.
A edil indicou esta mañá que coa posta en marcha desta campaña o Concello de Ferrol busca “seguir dinamizando o comercio local cunha iniciativa“moi atractiva tanto para os compradores como para os comerciantes co obxectivo de incentivar as compras no municipio”.