Na 42 edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur 2022), o stand de Galicia resultou galardoado co premio ao mellor stand de Fitur 2022 dentro da categoría de “Institucións e Comunidades Autónomas”.
O acto contou coa presenza do Presidente do Comité Executivo de Ifema Madrid, José Vicente dos Mozos, o Presidente do Comité Organizador de Fitur, Javier Sánchez-Prieto, José Félix de Paz en representación do Secretario de Estado de Turismo e Juan Serrano López, Director da Casa de Galicia en Madrid, encargado de recoller o premio.
A caseta con algo máis de 1.000m2 de superficie, fusionaba valores tradicionais e modernidade, unha imaxe de Galicia en constante transformación, por medio dun contraste harmónico de cores, materiais e iluminación, simbolizando a ilusión coa que Galicia afrontaba o segundo ano Xacobeo tras a pandemia. O eixo de comunicación do stand, baseado na potenciación do Xacobeo 2021-2022, enxalzaba esta marca e a magnitude da conmemoración desta celebración a través da internacionalidade do Camiño de Santiago, así como a difusión da oferta xeral de Galicia ao redor do Ano Santo.
A mensaxe contaba cun enfoque creativo totalmente optimista baixo un concepto estético arquitectónico limpo de formas de gran apertura visual, formado por estruturas de cores e xogos gráficas e iluminación que definían os diferentes espazos expositivos e informativos e na que destacaban grandes fotos con compoñente humano (rostros de peregrinos de diferentes culturas) combinadas con siluetas de peregrinos en diferentes actitudes, elementos iconográficos (entre os que destacaba un botafumeiro de prata de dimensións reais, realizado por ourives hai máis de 60 anos) e imaxes e pezas visuais de recursos paisaxísticos e patrimoniais do Camiño e de Galicia .
O stand de Galicia pasou a ser un dos de maior actividade na feira, con máis de 50 presentacións de produtos e recursos, máis de 300 citas no espazo de profesionais, degustacións comentadas, set fotográfico, catas, exposición e taller de artesanía.., ademais das actuacións musicais levadas a cabo durante a fin de semana. Os espazos informativos estaban atendidos por estudantes e titulados en materias turísticas ofrecendo atención personalizada aos visitantes, a zona de degustacións para profesionais e medios de comunicación foron levadas a cabo por profesores e alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia, mentres que as demais áreas eran coordinadas por profesionais correspondentes a cada materia.