A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron este venres no Salón de Plenos do Concello a Xunta Local de Seguridade con motivo da celebración do San Froilán, na que se abordou o dispositivo especial de vixilancia durante as festas patronais da cidade, que terán lugar do 4 ao 12 de outubro. No encontro participaron a concelleira de Cultura, Tareixa Ferreiro, así como responsables da Policía Nacional, da Policía Local, do Subsector de Tráfico da Garda Civil, do Corpo de Bombeiros, de Emerxencias e do servizo de Protección municipal.
Lara Méndez destacou “a importancia da colaboración entre os distintos Corpos para asegurar o correcto desenvolvemento das celebracións patronais”. Neste senso explicou que “Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil, Bombeiros e Protección Civil coordinarán esforzos para desenvolver un operativo organizado e eficaz que permita realizar un control exhaustivo sobre as actividades programadas e velar pola seguridade de todas e todos os cidadáns”.
A alcaldesa avanzou que a Policía Local reforzará todos os turnos, especialmente durante os festivos e as fins de semana, concentrando até tres patrullas dentro do recinto feiral para extremar a vixilancia. “Un cometido ao que se sumará outra patrulla máis, dedicada a dirixir o tráfico e regular a circulación na contorna da Muralla en prol da seguridade vial, así como de unha a tres patrullas na zona centro, en función da afluencia de persoas, e entre tres e catro patrullas no servizo de seguridade cidadá”. Tamén se levarán a cabo medicións acústicas no recinto feiral.
Pola súa parte, Isabel Rodríguez avanzou que “as forzas e corpos de seguridade do Estado colaborarán estreitamente cos medios e servizos do Concello de Lugo para que as actividades previstas con motivo das festas patronais de Lugo se desenvolvan coas máximas garantías de seguridade”. Concretamente, haberá dispositivos da Policía Nacional, Garda Civil e o Subsector de Tráfico, tanto con patrullas nas rúas como controis nos accesos á cidade.
Así, a Policía Nacional contará nos momentos nos que se prevé máis afluencia de persoas, ademais dos efectivos da Comisaría de Lugo, con reforzos da unidade da Policía Autonómica. A Garda Civil, pola súa parte, realizará controis nos accesos á cidade e o Subsector de Tráfico ten previsto facer verificacións que serán breves e numerosas.
De outro lado, o tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, deu conta do dispositivo que o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo porá en marcha durante o San Froilán.
O edil destacou que os técnicos municipais, en colaboración coa adxudicataria, planificaron os traballos tendo en conta a programación festiva, incidindo naquelas xornadas e espazos nas que, pola realización de espectáculos ou pola organización de actividades, se agarda unha elevada presenza de público.
“Xa nestes días previos intensificamos a roza de maleza en rúas e prazas así como nas explanadas nas que instalarán carpas ou atraccións. Tamén se limparon sumidorios e arquetas e substituíronse colectores de carga lateral por outros de carga traseira incrementando os de vidro, especialmente na zona das casetas do polbo, para facilitar a recollida ao tempo que se procedeu á eliminación de pintadas co fin de acondicionar a cidade e que poidamos amosar a nosa mellor imaxe durante as festas patronais”, indicou Miguel Fernández.
O tenente de alcalde sinalou que haberá reforzos nos operativos de mañá e tarde e se habilitarán na contorna un maior número de contedores de quita e pon, incluíndo o paso dun recolector, a partir das 6 da mañá, para retirar os residuos de bares e restaurantes. Igualmente se fará un aseo especial do estacionamento do Seminario onde se desenvolve o San Froilán Miúdo e da praza da Milagrosa, que acolle espectáculos de maxia, alén das localizacións nas que está previsto a celebración de concertos.
“A nosa intención é anticiparnos ás necesidades de limpeza nas que, sabemos, van derivar os festexos, coordinando esforzos e organizando todos os recursos, materiais e humanos, que temos á nosa disposición para actuar con inmediatez naquelas partes da capital nas que se presupón haberá concentracións de xente e acumulación de residuos co obxecto de deixalas impecables o máis rapidamente posible para garantir que, unha vez finalizadas, non teñan repercusión nin para a veciñanza que vive e traballa nestas zonas nin sobre os eventos programados a continuación”, subliñou o concelleiro.
O responsable de Medio Ambiente fixo fincapé en que o servizo de limpeza se reforzará sinaladamente nas xornadas do 5, 8, 9 e 12 de outubro nas que se agarda unha maior aforo.