Visita institucional as instalacións do novo Centro Galego de Innovación da Formación Profesional "Eduardo Barreiros" de Ourense. Acudiron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; representantes de empresas e profesores e alumnos de centros da FP das catro provincias galegas.
Representantes do profesorado explicaron os detalles do novo centro, xa completado e equipado e que comezará gradualmente a súa actividade ata estar a pleno rendemento a comezos do 2023.
O Centro Galego de Innovación da Formación Profesional vai focalizar a súa actividade en seis áreas específicas, dotadas do seu respectivo equipamento de primeiro nivel: industria 5.0, para profundar en robótica ou ciberseguridade; fabricación aditiva, como a impresión 3D; enerxía e sustentabilidade ambiental para traballar en hidróxeno verde, eólica ou biomasa; gastronomía multisensorial, tanto en degustación como en preparacións culinarias innovadoras; biotecnoloxía aplicada, na sanidade, no campo ou no medio ambiente; e experiencias de inmersión para mellorar a contorna de aprendizaxe con espazos interactivos.
O presidente da Xunta recoñeceu o impulso orixinal implementado pola Deputación de Ourense neste proxecto e toda a colaboración posterior que frutifica nun proxecto "imprescindible e que xa está a dar os seus froitos". Alfonso Rueda tamén sinalou que "estas instalacións farán o posible por aproveitar todo o dinamismo da Formación Profesional e o seu contacto estreito coa realidade empresarial para a mellora da oferta educativa: "Permitirá poñer a disposición das empresas recursos humanos cualificados conforme as súas necesidades, promover e coordinar proxectos de innovación entre os centros de Formación Profesional; e reforzar a aposta pola innovación e o ánimo emprendedor nos centros".
Manuel Baltar amosou a súa completa satisfacción porque Ourense conte con este novo espazo, lembrando que foi no Debate de estado da provincia do 2018 cando lanzou a proposta de acoller en Ourense o Centro Galego de Innovación Profesional: "Esta dotación non estaba ideada orixinalmente para Ourense, que hoxe xa é o territorio mellor conectado de Galicia e que dende logo merece esta infraestrutura. Isto é discriminación positiva, equilibrio territorial e vangarda".