O futuro das cidades a debate en Pontevedra no Placemaking Week Europe


As novas tendencias de participación para a creación de cidades máis humanas debateranse a próxima semana, do 27 ao 30 de setembro, en Pontevedra, no marco da Placemaking Week Europe, o maior encontro-festival europeo sobre desenvolvemento urbano e transformación do espazo público.

Durante catro intensas xornadas, a Boa Vila acollerá vinte e unha conferencias maxistrais, máis de oitenta actividades paralelas entre as que se atopan obradoiros, paneis, visitas, exposicións, intervencións, presentacións, concertos, sesións deportivas, xogos..., e a participación de máis de setenta relatores de diferentes países.

Todo isto arredor de catro eixos temáticos: Economía creativa e da innovación; Burocracia creativa; Placemaking verde e azul; e Desenvolvemento a escala humana para espazos públicos prósperos e resilentes.

A Placemaking Week Europe Pontevedra arrincará oficialmente a tarde do martes 27 de setembro co discurso de apertura que leva por título “A historia de Pontevedra: que nos trouxo aquí?“, onde o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, contará a historia da transformación de Pontevedra. Estará acompañado por Ramon Marrades, director de Placemaking Europe, así como polos placemakers José Chong, Vivian Doumpa e Hans Karssenberg.

Seguidamente, os supermoderadores Minouche Besters, Nate Storring, Jennifer Jiang, Robyn Bennett, Peter Smith, Carmen Mays e Charles Landry guiarán ao público asistente a través de preguntas chave sobre como podemos crear xuntos, durante os próximos tres días, mellores urbes. Cada un deles presentará o seu punto de vista sobre as cuestións máis urxentes que debemos abordar cando falamos do futuro das cidades. Os temas introducidos nesta sesión de apertura discutiranse logo en todas as conferencias do festival.