Pastos e forraxes vense como claves para unha producción sustentable de leite


A deputada de Medio Rural Mónica Freire asistiu á Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que se celebrou durante dous días en Chantada e Carballedo, respectivamente.

Medio Rural da Deputación colaborou un ano máis na celebración deste encontro, no que gandeiros e gandeiras de todo país analizaron alternativas para a sustentabilidade da produción de leite na Galiza interior, máis afectada polos problemas de sequía.

Mónica Freire amosou o seu apoio á “esta xuntanza formativa e de intercambio de coñecementos” que, sinalou, “serán chave para afrontar a época que se aveciña na que o sector primario se ten que enfrontar, como outros sectores, as circunstancias derivadas da inflación pero tamén ás consecuencias do cambio climático” e ratificou o compromiso da área de Medio Rural coa Sociedade Galega de Pastos e Forraxes “coa que vimos colaborando nestes anos co obxectivo de avanzar cara a modelos produtivos que aseguren rendas xusta para gandeiros e gandeiras e a conservación do territorio”, sinalou a deputada durante o acto de apertura no Círculo Recreativo e Cultural de Chantada.

O programa incluíu intervencións teóricas e exposición de experiencias prácticas en relación co rendemento e a calidade nutricional de diversos cultivos forraxeiros, ademais de visitas a gandeirías e producións da zona como a SAT Sabadelle de Chantada, a Gandería Outeiro e a queixería Airas Moniz, tamén no municipio chantadino, ou o Pazo de Cartelos, un espazo de investigación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) en Carballedo.