O Consorcio de Santiago, representado pola súa xerente, Belén Hernández, participa no XVI Encontro de Xestores de Patrimonio Mundial que se está a celebrar en Mérida e no que se conmemora o 50 aniversario da Convención de Patrimonio Mundial da Unesco.
No primeiro día do encontro o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e o Ministerio de Cultura e Deporte organizaron un acto institucional no Museo Nacional de Arte Romano de Mérida para celebrar en España o medio século da convención de 1972 asinada en París.
Este acto serviu de preámbulo ás xornadas de traballo do XVI Encontro de Xestores de Patrimonio Mundial que se están a celebrar.
Este encontro, porá o foco nesta ocasión no desenvolvemento sustentable, reflexionando acerca dos retos que afrontan os sitios e cidades Patrimonio Mundial na actualidade e os que deberían afrontar a medio e longo prazo, tales como o cambio climático, o reto demográfico ou a brecha tecnolóxica.