Sanxenxo busca incorporar máis praias sen fume e seguir liderando o ranking


Promover unha vida sen tabaco, desnormalizar o seu consumo na sociedade e promover praias que coiden o medio ambiente son tres das razóns que levou ao Concello de Sanxenxo a apostar polo distintivo Praias sen Fume.

Son xa 18 as praias, todas incluídas no censo de baño, as que Sanxenxo sumou este ano e que lle permitiu entrar na categoría ouro desta insignia.

O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, acaba de recoller no Monte Real Club de Iates de Baiona o diploma que acredita a Sanxenxo como líder en Praias sen fume de Galicia. "É unha satisfacción que Sanxenxo siga a ser un referente en distintivos que promovan o coidado da saúde e do medio ambiente e que dende a Consellería de Sanidade se recoñeza esta aposta", asegura Deza.

Son en en total 18 areais: Panadeira, Silgar, Baltar; Caneliñas, O Espiñeiro, Areas Gordas, A Lapa, Foxos, Nosa Señora da Lanzada, Major, Areas (zona esquerda), Areas (zona dereita), Agra, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas e Pragueira.

Nas praias sen tabaco, "non está permitido fumar na zona do areal quedando excluídos desta medida os espazos ao aire libre dos locais de hostalaría situados nelas como chiringuitos". Non hai vixilancia, nin sanción, pero espérase dos usuarios que cumpran voluntariamente coa norma, xa que se apela á responsabilidade persoal.

Coa inclusión de 18 areais de Sanxenxo na Rede Galega de Praias sen Fume, o municipio conseguiu entrar na categoría de ouro determinada por Sanidade para os concellos que incorporen a este proxecto ambiental todas as praias incluídas no seu censo oficial de zonas de baño. Ademais, o municipio conta cun Porto sen fume, o Club Náutico de Portonovo.

Deza sinala que "non nos conformamos e tentaremos incluír o vindeiro ano algunha praia máis ao listaxe como pode ser Pampaído..."