O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou na presentación da 20ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia, que se celebrará no recinto feiral ourensán os próximos días 29 e 30 de setembro, acto no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
Desde a súa primeira edición en 1999, "Termatalia situou á nosa provincia como referente internacional no ámbito termal", dixo Rosendo Fernández, que celebrou o regreso "dunha feira completa" logo dos cambios provocados pola pandemia. Unha volta que se produce "nunha edición de especial relevancia, pois de xeito previo sumamos a esta cita o Congreso Internacional de Turismo Termal", organizado pola Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) e a Deputación de Ourense, co aval da Organización Mundial do Turismo (OMT) e o apoio da Xunta de Galicia.
O vicepresidente primeiro quixo destacar que, ademais deste importante encontro, "tanto para a Deputación como para o Inorde é un orgullo participar na 20ª edición de Termatalia", onde se habilitará un stand para difundir o potente sector termal da provincia, así como as accións que neste ámbito desenvolve o goberno provincial. Neste sentido apuntou a promoción "do exitoso programa de termalismo social, que segue a obter a positiva resposta de usuarios chegados desde os máis diversos puntos de España tras dez anos de convocatorias".
Rosendo Fernández tamén destacou a presentación en Termatalia da campaña "1.000 sesións balnearias a 1 euro", deseñada pola Deputación en colaboración con cinco balnearios da provincia (Laias, Cortegada, Lobios, Partovia e Arnoia). Desde o día 29 e no expositor da Deputación o público poderá adquirir os primeiros 250 códigos de desconto para participar neste programa. Trátase, explicou, da reserva de sesións balnearias a un prezo especial e único de 15 euros, importe sobre o que se realizará un desconto de 14 euros, polo que o custo final será de 1 euro. As sesións distribuiranse entre outubro e novembro, de luns a domingo, en diferentes horarios e cunha duración de entre 1,5 e 2 horas.
Nesta semana, Ourense converterase no epicentro internacional do termalismo pois xunto con Termatalia e o Congreso Internacional de Turismo Termal tamén se celebrará, o día 30 no balneario de Laias, o XXI Congreso Nacional da Sociedade Española de Hidroloxía Médica.
Termatalia reunirá a 140 expositores de Europa e América fundamentalmente. Unha representación de 55 países, tendo en conta ademais os profesionais que participarán nas accións de negocio, así como a presenza de 70 relatores internacionais que situarán a Ourense e Galicia como centro de formación profesional en materia de termalismo.