Visita institucional para promocionar o valor estratéxico de Tambo


O Concello de Poio organiza, a través da Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, unha visita institucional á Illa de Tambo, que se está desenvolvendo este sábado desde al 10.30 horas. Tal e como sinala o edil responsable do departamento, o socialista Gregorio Agís, invitouse ás Corporacións municipais dos concellos da contorna da Ría de Pontevedra (Pontevedra, Marín, Bueu, Sanxenxo e Meaño, ademais da Deputación) para que tomasen parte nesta iniciativa, que inclue un percorrido guiado por todo o enclave, no que se darán a coñecer os principais recursos e atractivos da illa.

A recepción oficial de autoridades foi ás 10.30 horas. Posteriormente, parteu a embarcación ata Tambo, onde as 11.00 horas comezou a devandita visita, de dúas horas e media de duración. No traxecto de volta, ademais, celebrarase a Mesa Sectorial de Traballo do Sector Público do Grupo de Acción Local da Pesca (GALP) da Ría de Pontevedra. O concelleiro de Promoción Económica salienta a importancia desta convocatoria, que ten coma obxectivo “trasladar e dar a coñecer a importancia e o valor estratéxico que ten a illa de Tambo non só para Poio, senón para toda a contorna da nosa ría”. Neste sentido, Gregorio Agís lembra que esta paraxe “ten unha afinidade histórica con moitos destes concellos” e que “Tambo é a illa de todas e todos”.

O Concello de Poio lembra, asemade, que seguen operativas as visitas guiadas para toda a veciñanza, que se desenvolven as fins de semana (venres, sábados e domingos), así como en festivos. As navieiras Mar de Ons e Pelegrin, con base en Combarro, son as encargadas de realizar os traxectos. Tamén é posible solicitar excursións por parte de asociacións e colectivos. Estas tramitacións poden realizarse a través da páxina web municipal www.concellopoio.gal ou na páxina virtual de Turismo, www.turismopoio.gal.