Castes reunirá en Vilagarcía a máis de 70 bodegas con feira, concurso, talleres e túneles do viño


A cuarta edición de Castes reunirá en Vilagarcía a máis de 70 bodegas con feira, concurso, talleres e túneles do viño.

As prazas de Abastos e da Verdura de Vilagarcía acollerán a vindeira semana e o primeiro fin de semana de decembro unha nova edición, a cuarta, de Castes, a feira independente do viño. Organizada polo sumillier e hostaleiro Sito Dieste co patrocinio do Concello, Castes reunirá a máis de 70 bodegas, a maior parte de Galicia pero tamén de Francia e Portugal. Todas teñen en común que se trata de pequenos ou medianos produtores.

Concurso internacional de cata, talleres, túneles do viño e ata unha wine-party forman parte do programa, que xa está dispoñible en http://www.castes.es , ao igual que a compra de entradas.

Foi o alcalde, Alberto Varela, quen presentou este evento que en moi pouco tempo xa se ten consolidado como un dos grandes atractivos da oferta cultural e festiva da cidade.

Por iso, non dubidou en felicitar a Sito Dieste e a todos os que con el colaboran na posta en marcha desta feira, que arrancará, segundo anunciou o propio Dieste, o vindeiro mércores, día 23, coa cata cega na que se decidirán os premios da edición 2022 de Castes. Á fronte deste xurado estarán tres recoñecidos sumilleres: Tomás Ucha, Carlos Taboada e Juanma Figueroa. Premiaranse brancos, tintos e “añadas”. Ese mesmo día haberá un curso de iniciación á cata aberto a todo o público.

Con todo, o groso da feira se concentrará no fin de semana do 26 e 27. O sábado, no primeiro andar da praza de abastos, desenvolverase un túnel do viño, entre as 12:00 e as 16:00 horas, e haberá tamén diversas actividades de presentación de viños e bodegas. O domingo, no mesmo lugar, entre 11:00 e 13:00 horas, haberá un concurso internacional de cata, coa participación de 28 equipos de 3 persoas cada un. Entre as 13:00 e as 19:30, na contigua praza da Verdura, abrirase a Feira Internacional do Viño Galego, con presenza de 70 bodegas, incluídas neste conxunto algunhas de Portugal e Francia, especialmente de Champagne.

Para “descargar” tanta degustación, as 13:30, 15:45, 16:30, 17:20 e 18:00 se desenvolverán talleres na “aula Castes”. Do mesmo xeito, aqueles que adquiran unha entrada poderán entrar e saír do recinto cantas veces o desexen (haberá identificación de pulseira). Logo, entre as 19:30 e as 20:00 horas, se procederá á entrega dos premios, tanto de viños como de catas. Unha vez rematada a cerimonia, arrancará unha wine party con zona gastro que, como a entrega de premios, será aberta a todos os públicos.

Castes 2022 terá o seu epílogo no seguinte fin de semana, outra vez no primeiro andar da praza de Abastos. En horario de 12:00 a 16:00 horas, tanto o sábado 3 coma o domingo 4, os asistentes poderán participar nun túnel do viño. Igualmente, haberá diversas actividades de presentación de viños e bodegas.

Segundo explicou Sito Dieste, as entradas para asistir á feira teñen un custe de 20 euros, que dan dereito a degustar todos os viños e participar en todas as actividades, coa posibilidade de entrar e saír cando se desexe. Tanto o avance do programa coma a adquisición de entradas xa están dispoñibles na web http://www.castes.es .