Catro días de cociña de Samaín para nenas e nenos no Mercado de Pontevedra


Un terrorífico Ganapán que se prolongará durante catro días (ademais do sábado 29 e o domingo 30, o luns 31 de outubro e o martes 1 de novembro) convida á rapazada a celebrar o Samaín no Gastroespazo do Mercado cunha oferta de actividades culinarias e creativas coas que o pasarán de medo. Os nenos e nenas de 4 a 10 anos que desexen participar deberán reservar praza previamente a través do email oganapan@gmail.com, indicando no correo electrónico se teñen algunha alerxia ou intolerancia.

Os talleres darán comezo o sábado 29 de outubro cun obradoiro no que os pequenos terán ocasión de elaborar chulas de calacú, unha sobremesa tradicional do Samaín, moi saborosa e fácil de preparar, e outro no que realizarán unha espectacular decoración con pratos e vasos que se converterán nunha vaixela pantasma. O domingo 30 de outubro desenvolverase unha actividade na que os rapaces cociñarán unhas galletas pantasma, ideais para os enfeites da Noite de Bruxas, e outra na que se deseñarán uns antefaces tan divertidos como aterradores.

Tal e como explica a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “o Samaín continuará no Mercado o luns 31 de outubro cun taller que ofrecerá a posibilidade de elaborar e degustar un biscoito de cabaza e outro de creación de portacandeas para noites de terror con botes de cristal, perfectas para a noite máis terrorífica do ano”. “Para a xornada do martes 1 de novembro -sinala a edil do PSOE-, os nenos e nenas poderán facer unhas mini pizzas momia terrorificamente deliciosas e confeccionar unhas graciosas e espantosas criaturas máxicas empregando luvas de goma”.

Tódolos talleres desenvolveranse en horario de 11:30 a 13:30 horas. É moi recomendable portar friameira para poder levar a casa as orixinais e saborosas receitas cociñadas.