Os mellores sabores do Camiño e o transfondo cultural da tradición xacobea danse a man na terceira edición do Encontro Gastronómico e Cultural …E para comer, Lugo no Camiño, que organiza a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo para o luns 24 de outubro co apoio da Xunta a través do programa O Teu Xacobeo.
As actividades desenvolveranse no Museo Interactivo da Historia de Lugo e o programa inclúe a presentación do vídeo Lugo, porta de entrada a Santiago de todos os Camiños e dunha campaña publicitaria sobre reciclaxe. A continuación, os cociñeiros Nardo Eiroa, do restaurante Canedo, Diego López, do restaurante Bulló Xantar, Alejandro Méndez, dos Cachivaches, e Pablo Vila, da cadea Oca Hoteis, realizarán senllas demostracións gastronómicas con produtos de proximidade das Indicacións Xeográficas Protexidas e as Denominación de Orixe coas que colabora a Apehl.
Xa pola tarde, o responsable de formación de Café Candelas, José Manuel Portelas, encargarase da demostración e da degustación Café dos Camiños a Compostela, e os nenos de entre 6 e 12 anos poderán participar nun taller e realizar unha viaxe virtual polo Camiño de Santiago, según recolle na súa web o Clúster Turismo de Galicia
Este terceiro Encontro inclúe ademais unha serie de catas en cinco localidades da provincia impartidas polo Instituto Galego do Viño, que xa deron comezo o martes 18 en Samos. Barreiros, o martes 25, e Palas de Rei, o mércores 26, son as dúas últimas citas deste programa anexo.
Máis información e inscricións en https://apehl.org/es/formacion/