Evelb e 6 Tems, propostas para levar os contidos web turísticos e naturais de Pontevedra


A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra reuniuse para avaliar as ofertas presentadas ao procedemento de adxudicación do contrato de servizos para a asistencia técnica na elaboración de contidos web sobre recursos turísticos, comerciais e naturais e a coordinación de ditos traballos, incluídos na estratexia ‘Más Modelo Pontevedra’ a desenvolver dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (Pope), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2014-2020). Trátase dunha licitación divida en dous lotes: o primeiro para contratar unha asistencia técnica para implementar unha oficina técnica externa para a planificación, coordinación e seguimento e secretaría técnica da elaboración dos contidos e o segundo para o servizo de deseño e despregue de contidos de posta en valor e fomento do patrimonio natural, histórico artística e cultural e outros recursos locais.

O Lote 1 saíu a contratación cun prezo base de 76.641,68 euros a el presentáronse tres empresas: Noot a Cool Company SL (cunha oferta de 53.722,79 euros), Evelb Técnicas y Sistemas SL (53.774,54 euros) e 6 Tems Comunicación Interactiva SL (51.524,52 euros), sendo esta última, cun incremento dun 8% no número de horas de persoal sobre os mínimos requiridos no servizo, a que obtivo unha maior puntuación e, polo tanto, a proposta pola Mesa. No que atinxe ao Lote 2, cun orzamento base de 235.198,59 euros, foron seis as firmas que presentaron proposta: Cinfo Contenidos Informáticos Especializados SL (186.061,76 €), Roi Digital Business SL (183.454,90 €), Dos Espacios Internet Consulting SL (194.741,67 €), Not a Cool Company SL (188.153,79 €), Invbit Diseño y Desarrollo Web SL (224.624,40 €) e Evelb Técnicas y Sistemas SL (181.540,33 €), sendo esta última a proposta pola Mesa (cunha oferta que tamén inclúe un incremento do 8% no número de horas de persoal sobre os mínimos requiridos no servizo).

Estes contratos están cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) cunha taxa de cofinanciación do 80%, dentro do Programa Operativo Plurirrrexional de España Feder 2014-2020 enmarcado na estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra, de conformidade coa Resolución de 12 de decembro de 2016 da Secretaría de Estado de Presupuestos y Gastos do Ministerio de Hacienda y Función Pública (BOE 14/12/2016)