A conselleira do Mar, Rosa Quintana, deu conta no Parlamento do apoio do Goberno galego á rexeneración dos bancos marisqueiros que entre 2010 e 2021 contribuíu a repoboar as zonas de traballo dos mariscadores con máis de 200 millóns de unidades de semente de ameixa e que permitiu rexenerar unha superficie de máis de 15 millóns de metros cadrados a través de distintas accións.
En relación ás convocatorias de 2022 deste tipo de achegas, a titular de Mar lembrou que, ao abeiro delas, o Executivo autonómico aprobou accións que inclúen a rexeneración de máis de 3 millóns de metros cadrados. Entre as accións que se subvencionan están distintas sementeiras que suman máis de 42 millóns de unidades de semente de ameixa.
Con estas medidas deste tipo, subliñou Rosa Quintana, favorécese a produción marisqueira, que nos últimos anos en Galicia roldou as 8.000 toneladas comercializadas. En relación ao exercicio do 2021, expuxo que as vendas nas lonxas galegas superaron as 7.000 toneladas malia que a actividade estivo condicionada en boa medida pola situación derivada da covid-19, que reduciu a demanda de mariscos por parte de sectores como a hostalaría, o que afectou directamente á actividade extractiva dos profesionais do marisqueo.
A maiores, a conselleira explicou que na produción marisqueira inflúen outros moitos factores. Entre eles están a baixa salinidade da auga como consecuencia de episodios de precipitacións fortes e abondosas, as patoloxías, a presenza de depredadores ou situacións excepcionais como a pandemia, na que non houbo actividade marisqueira en determinadas áreas e non se traballaron as zonas.
Ademais destacou a posta en marcha de iniciativas como a Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia, pioneira na comunidade galega e creada pola Xunta para incrementar o intercambio de información entre os diferentes axentes relacionados con este eido e coa finalidade de adaptarse ao contexto ambiental e socioeconómico das pesqueiras e recursos mariños galegos.
Esta rede, subliñou, ten entre os seus obxectivos avanzar no coñecemento do estado dos recursos e dos factores que inflúen na súa situación para mellorar a súa xestión e impulsar a produción. Todas estas medidas están destinadas a corresponder a importancia que ten o marisqueo na economía galega, actividade á que se dedican directamente unhas 9.000 persoas.
En canto á situación microbiolóxica das zonas de produción, a conselleira destacou que desde 2009 ata xullo de 2022 houbo unha melloría en 37 zonas de produción de moluscos bivalvos. Delas, 24 son de moluscos infaunais, o que supón unha superficie estimada de preto de 15 millóns de metros cadrados. O resto correspóndese con polígonos de bateas, con máis de 1.100 bateas beneficiadas.