O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude, en Boqueixón, ven de recibir a distinción de “Km0 de Galicia” que lle outorgou Slow Food Compostela. Con este motivo, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, vén de manter un encontro con alumnos deste centro, no marco dunha xornada informativa sobre o que supón a dita distinción.
Para acadar a distinción “Km 0 de Galicia”, levouse a cabo co persoal dos comedores unha formación específica sobre a xestión de residuos, a eficiencia enerxética e o abastecemento, facendo fincapé na correcta identificación dos alimentos certificados, ben sexan de pesca sostible, de razas autóctonas ou alimentos con certificados de calidade. Seguidamente, buscáronse provedores da contorna que puidesen facilitar produtos adecuados ás necesidades de cada un dos comedores e garantir o abastecemento dos alimentos durante toda a tempada.
O recoñecemento acredita que, ao igual que nos centros de Lourizán, Becerreá e do Pedro Murias, o comedor do CFEA de Sergude está a empregar este curso producións de tempada e de proximidade nos seus menús, destacando o uso de produtos amparados por distintos selos de calidade diferenciada. Desta forma, preto do 60% dos alimentos escollidos proveñen de canles curtas de comercialización, ao ser de produtores da propia comarca.
Así, segundo destacou José Luis Cabarcos, estase a apostar pola valorización da produción alimentaria galega e por implementar a súa filosofía de desenvolvemento sustentable. Ademais, búscase acadar un impacto no territorio económico, social, ambiental e educativo,sen perder de vista a propia viabilidade económica da iniciativa.