Valladolid prepárase xa para celebrar a 25 edición de Intur, a súa Feira Internacional do Turismo de Interior, unha cita que ten como obxectivo prioritario “contribuír á divulgación, promoción e desenvolvemento do turismo de interior en todas as súas facetas: natureza, turismo urbano, cultural, enogastronómico, deportivo, rural…”. Todos eles son ámbitos nos que o sector turístico galego ten moito que dicir e por iso volverá estar presente en Intur a través do espazo da Axencia Turismo de Galicia.
Está previsto que máis dun milleiro de destinos, empresas e colectivos profesionais tomen parte en Intur Viaxeiros, o apartado da feira dedicado aos viaxeiros e que se desenvolverá desde o venres 18 ao domingo 20. Na última edición foron ao redor de 24.000 as persoas que pasaron polo recinto da Feira de Valladolid para coñecer unha oferta turística que volverá ter como grandes eixos a cultura, a natureza e a enogastronomía nas súas múltiples facetas.
Pero un día antes de Intur Viaxeiros, o xoves 17, celebrarase Intur Negocios, a xornada dedicada exclusivamente aos profesionais do sector e pensada para que poidan “centrar o seu tempo naquelas actividades do seu interese e sacar a máxima rendibilidade á feira”. Axencias de viaxes, axencias MICE, aloxamentos, asociacións do sector, destinos, transporte e outros servizos turísticos son os destinatarios deste mercado de contratación turística no que Galicia tamén se deixará ver. A elo contribuirá tamén o Clúster Turismo de Galicia sufragando os gastos de inscrición de empresas e entidades asociadas.
Os interesados en inscribirse no workshop de Intur Negocios como vendedor a través do Clúster teñen ata o xoves 4 de novembro de prazo para enviar a súa solicitude ao correo secretariatecnica@clusterturismo.com incluíndo os seus datos de contacto (nome, cargo, empresa, teléfono e correo electrónico).