O Convento de Santa Clara será o sétimo edificio do Museo de Pontevedra


A Deputación e o Concello de Pontevedra anunciaron oficialmente que o convento de Santa Clara será o sétimo edificio do Museo de Pontevedra. A presidenta Carmela Silva, o vicepresidente Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores compareceron de maneira simbólica no altar da igrexa do convento para confirmar a operación, que cualificaron como unha das máis importantes dos últimos anos, e manifestar a súa emoción polo que vai supoñer de recuperación de espazo público para a cidadanía no centro da cidade de Pontevedra.

O vicepresidente César Mosquera explicou que a idea inicial de incorporar o convento ao Museo, que inicialmente se expuxo de maneira prudente, foi ratificada por cada un dos estudos que se están a realizar. “O uso museístico practicamente é obrigado. Todo o que apareceu aquí fai que Santa Clara en si mesmo sexa un museo e foi levando a que esa primeira hipótese sobre a que estabamos traballando se confirmara”, dixo.

Os próximos pasos para concretar a integración no Museo -que se producirán nos vindeiros días- serán a sinatura dun convenio entre Concello e Deputación para certificar a cesión e, de maneira paralela, a convocatoria dun concurso internacional de proxectos para rehabilitar as edificacións. Hai interese en que as obras necesarias se fagan “dunha vez” en lugar de en diferentes fases, contando cos e coas mellores arquitectas do mundo.

Para abordar a actuación, preténdese a implicación de Xunta, Estado, e UE no financiamento, xa que aínda que non hai unha cuantificación concreta do investimento necesario –por non haber aínda anteproxecto- si existe a conciencia de que o proxecto “vai custar moitísimo” -en palabras do vicepresidente, quen lembrou que o Edificio Castelao ascendeu a 18 millóns de euros-.

Dende o ámbito persoal, César Mosquera, como responsable político do Museo, deu as grazas ao alcalde Fernández Lores e á presidenta Silva e subliñou que a incorporación de Santa Clara á mazá cultural é unha “inmensa noticia”. Manifestouse “emocionado e moi contento de pensar que baixo a responsabilidade que me tocou se dea este paso para que –o convento- se abra á cidade e o Museo multiplique as súas instalacións”.

Pola súa banda, o director do Museo Xosé Manuel Rey subliñou que a incorporación de Santa Clara permitirá “preparar as bases para que o Museo de Pontevedra poida dar o salto a ser un museo do século XXI e ver subsanadas as súas taras que ten en canto a espazos, organización e funcionamento”.

Para o director a rehabilitación do conxunto debe ser un “referente” de como actuar co patrimonio cultural. A partir de aí, apuntou, será o momento de pensar de maneira conxunta no plan funcional, no plan de usos, nos proxectos museísticos e expositivos, e na integración co resto dos edificios do Museo “para intentar atopar esa idea feliz que dea sentido e permita singularizar ao Museo de Pontevedra aínda moito máis do que agora está no panorama dos museos do país”.

Hai tres ideas sobre o que debería solucionar Santa Clara no Museo, dixo: dar resposta de espazo para a exposición de obras relevantes que actualmente están nas salas de reserva ou novas coleccións, permitir unha xestión integral da colección arqueolóxica, e incorporar o propio edificio e os seus elementos. “Nalgún espazo deste complexo haberá que explicar onde estamos e os seus 750 anos de historia”, subliñou.

En calquera caso, os grandes eixos da recuperación de Santa Clara para uso público basearanse en que a horta estará aberta ao uso e goce da cidadanía xeral, abrindo accesos dende a Praza de Barcelos e Santa Clara, e que a igrexa se utilizará como salón de actos.

“Este é un espazo único na provincia de Pontevedra, que se recupera para a xente e que mellor forma que recuperalo para a xente que servindo para ampliar o museo máis importante que temos en Galicia, o Museo de Pontevedra”, remarcou a presidenta Carmela Silva sobre a cesión de Santa Clara do concello de Pontevedra á Deputación.

A mandataria subliñou que Santa Clara “é o mellor lugar” para ampliar o Museo e destacou que o espazo será ademais aberto á cidadanía, “que poderá desfrutar de moitas actividades, non soamente as vinculadas á museografía, senón tamén as culturais ou de ocio, nun lugar único na cidade de Pontevedra”.

Neste eido, Carmela Silva incidiu en que “aínda que se produza a cesión e este edificio sexa xestionado pola Deputación de Pontevedra queremos seguir traballando da man do concello, en liña coa relación de colaboración que temos habitual e diaria, porque este Museo está na cidade e é de toda a provincia”.

Tamén fixo fincapé Carmela Silva no proceso de rehabilitación, “que nos vai situar no mundo, que vai ser un orgullo para todas as galegas e galegos” e reclamou a outras administracións, tanto Xunta de Galicia como Goberno do Estado, implicación na protección do patrimonio.

Finalmente, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, reafirmou as palabras do director do Museo, o vicepresidente e a presidenta da Deputación, lembrando que esta «foi a operación urbanística desde o século XIX máis grande da cidade, ao incorporar máis de 12 mil metros cadros para uso público».

«O 1 de decembro Santa Clara pasou a forma parte do patrimonio municipal. En tempo récord fixemos actividades e estudos arqueolóxicos e arquitectónicos que nos permiten tomar a decisión, agora xa confirmada como viábel, de ampliar o Museo de Pontevedra», comentou Fernández Lores. «Durante 700 anos o convento estivo agochado, mais agora queda a disposición dos pontevedreses e as pontevedresas. Cedémolo a Deputación, mais seguiremos colaborando na súa rehabilitación e no seu mantemento dentro do razoable. O Concello debe seguir formando parte das decisións que se tomen respecto do futuro».

O alcalde subliñou a colaboración «excepcional» que ten coa Deputación de Pontevedra, que neste caso tamén será reflectida nun convenio de cesión no que quedará pactado o uso dos xardíns e o bosque de Santa Clara para a veciñanza da Boa Vila, ao mesmo tempo que o posíbel uso do espazo de igrexa para eventos diversos.