O Eixo Atlántico presenta o seu mapa da cohesión social


O Presidente da Deputación de Lugo e presidente da Comisión de Política Social do Eixo Atlántico, José Tomé Roca, presentou o Mapa de Cohesión Social de Galicia e o norte de Portugal. “Trátase dun estudo pioneiro, porque é a primeira vez que en Europa se acomete un traballo deste tipo para un territorio transfronteirizo”, explicou Tomé Roca.

O documento baséase, segundo relatou o mandatario provincial, na relación dos habitantes das cidades da eurorrexión coa saúde, o emprego ou o acceso ás novas tecnoloxías, que atende tanto ás condicións de vida como aos hábitos sociosanitarios e de ocio, ao acceso á educación, ou á participación nos procesos democráticos, entre outros. Un estudo elaborado atendendo a tres criterios fundamentais, sinalou José Tomé: a cooperación, a exactitude e a utilidade.

“A cooperación entre administracións públicas é a razón de ser do propio Eixo Atlántico, e este Mapa é un exemplo dos obxectivos que se poden acadar con esa colaboración. Porque un traballo desta envergadura non podería ser asumido en solitario por cada concello”, subliñou o Presidente, quen destacou que esta análise “compón unha foto o máis exacta posible da realidade do conxunto do territorio”.

Destacou Tomé Roca que esta publicación “non está pensada para permanecer no estante dunha librería. Está pensada para estar sobre as mesas dos responsables políticos e dos técnicos, para axudarlles a deseñar e desenvolver políticas públicas que corrixan os desequilibrios ou desigualdades que se poidan detectar en cada zona”.

En palabras do Presidente, “este Mapa non é un punto de chegada. É un punto de partida para deseñar o futuro dos territorios do Eixo Atlántico dende claves de desenvolvemento sostible, igualdade, equilibrio territorial e universalidade no acceso aos servizos públicos, axudando a eliminar as posibles brechas de xénero, dixitais ou xeracional que perviven na nosa sociedade”. Unhas políticas que, incidiu, “axuden a Galicia e ao Norte de Portugal a avanzar na Axenda 2030, que quere avanzar na consecución dunhas cidades máis inclusivas, seguras, resilientes e sostibles”.

Na reunión da Comisión de Política Social do Eixo Atlántico celebrada en Santiago de Compostela tamén participaron o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; o Alcalde de Santiago de Compostela, José Sánchez Bugallo; o asesor do Presidente na área social de Braga, João Medeiros; a vicepresidenta de Guimarães, Adelina Pinto; dous expertos da Universidade de Deusto, Roberto San Salvador e Fernando Villatoro; e unha experta da Universidade de Santiago de Compostela, María Xosé Rodríguez Galdo; así como Rita Fidalgo e Andrea Camiño, do Eixo Atlántico.