Os beneficios da biomasa para o sector turístico serán o eixo dunha xornada informativa


A procura de alternativas enerxéticas menos custosas e máis eficientes e respectuosas co medio ambiente é unha cuestión de importancia crecente no sector turístico. Para analizar este problema e propoñer solucións o Clúster Turismo de Galicia e o Clúster da Biomasa de Galicia programaron conxuntamente para o vindeiro xoves 3 de novembro unha xornada informativa que permitirá aos participantes coñecer os beneficios que o uso desta bioenerxía pode ter precisamente nesa dobre vertente de reducir os gastos e preservar o medio.

A xornada desenvolverase en formato en liña entre as 16 e as 19 horas coa participación de diversos expertos e de empresarios que ha coñecen os beneficios da biomasa. Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia, e o seu homólogo do Clúster da Biomasa, Francisco Javier Álvarez, serán os encargados de abrir a sesión e dar a benvida a todos os intervenientes e participantes.

Os relatores da xornada serán Juan Jesús Ramos, técnico da Asociación Española de Valorización Enerxética da Biomasa; Diego Fernández, director técnico de Emisión Cero, e Bruno de Miranda, enxeñeiro industrial especialista en instalacións térmicas, que se ocuparán de cuestións como o potencial da biomasa nos distintos tipos de establecementos, as solucións con biomasa para usos térmicos en negocios turísticos e os requisitos legais en relación co Código Técnico da Edificación e o Regulamento de Instalacións Térmicas nos Edificios. Ademais, haberá tempo para coñecer a través dunha mesa redonda experiencias concretas de uso caldeiras de pellets, gasificación de leña e achas nun establecemento de turismo rural, un hotel vacacional e un hotel balneario-spa.

A participación nesta xornada cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal é gratuíta e a inscrición xa está aberta a través do seguinte formulario en liña: https://clusterbiomasa.gal/xornada-informativa-uso-de-biomasa-no-sector-turistico/