Promoción da alimentación saudable e sostible no Centro Príncipe Felipe


Co obxectivo de promocionar a actividade física e a alimentación saudable e sostible e a actividade física, a Deputación de Pontevedra está a desenvolver un programa de talleres de alimentación saudable no Centro Príncipe Felipe. Esta actividade conta para a súa posta en marcha cunha subvención de 1.500 euros da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para potenciar a Rede Española de Cidades Saudables, á que pertence a Administración provincial e que ten como fin crear as condicións precisas e os mecanismos apropiados para fomentar e conseguir cidades máis saudables, poñendo para iso a saúde nun lugar destacado da súa axenda social, económica e política.

A actividade consiste nunha serie de talleres didácticos, dinámicos e participativos que fomentan os hábitos de vida saudable entre a poboación infantil e xuvenil e que buscan contribuír ao desenvolvemento integral de todas persoas novas ás que vai dirixido o programa, que conta con contidos adaptados aos diferentes grupos de idade dos alumnos e alumnas do Centro Príncipe Felipe. Ademais, tamén busca sensibilizar sobre a importancia da dieta baseada no produto local e de temporada, fomentando desta maneira o consumo sostible ademais de saudable.

En concreto, os días 6 e 13 de outubro un total de 60 rapaces e rapazas de entre 4 e 11 anos tiveron a posibilidade de participar no taller “Nutriplato”, mentres que 20 de outubro foi a quenda de 30 alumnos e alumnas de 12 a 14 anos, nunha actividade que levou por título “Nutrivial. Mini Super Market”. Os talleres para o alumnado rematan hoxe coa celebración de “Kahoot mitos da alimentación” coa participación de 38 rapaces e rapazas de entre 15 e 18 anos, cos que estivo a deputada delegada de Centros Educativos, Noemí Outeda, para coñecer máis a fondo como se están a desenvolver estas actividades.

Por último, o vindeiro xoves, 3 de novembro, desenvólvese o último dos talleres, no que 40 membros do persoal poderán formarse sobre elaboración e características das dietas especiais, alerxias, intolerancias alimentarias e novas tendencias de alimentación. Se ben está pensado especialmente para o persoal de cocina, comedor, dietista ou despensa, a actividade está aberta a todas e todos os traballadores do Centro Príncipe Felipe.