Vigo inicia as visitas guiadas ao cemiterio de Pereiró o 12 de outubro


As visitas guiadas ao cemiterio de Pereiró, de 90 minutos de duración, permiten coñecer a historia da cidade a través dos panteóns e monumentos funerarios e facelo de xeito teatralizado, da man de personaxes como Concepción Arenal, Irene Ceballos, a Marquesa de Valladares (María Milagros Elduayen) ou Cachamuíña.

Tal e como informou Abel Caballero en rolda de prensa, o vindeiro luns, 10 de outubro, abre o prazo de inscrición para participar nas visitas guiadas gratuítas a Pereiró para as que é preciso facer reserva. Habilítanse dúas modalidades: a través da web www.visitasguiadas.vigo.org (que estará dispoñible a partir do luns 10) ou de forma presencial na Oficina de Turismo municipal situada na rúa López de Neira. A reserva das prazas dispoñibles irase abrindo de forma progresiva semanalmente para as diferentes xornadas.

O goberno municipal programa este ano 20 xornadas de visitas desde o vindeiro mércores, 12 de outubro, ata o 9 de novembro. En outubro haberá visitas os días 12, 13, 14, 15, 16, 19, 21, 22, 23, 24, 25, 26 e 27 e, en novembro, os días 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9. Haberá tres quendas cada día ás 18:30 horas, 19:30 e 20:30 horas cun aforo de 25 persoas por quenda polo que, en total, quedarán dispoñibles 1.500 prazas para as visitas guiadas este ano.

A actividade está dirixida ao público adulto, polo que é necesario ter 18 anos para facer a reserva e debe achegarse o DNI.