Xornada de cata da IXP Mel de Galicia no CFEA de Monforte


A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos -sede da Cata Trtansfronteiriza de Tintos Ibériocos HG&T 2022- unha xornada para dar a coñecer as características físico-químicas dos produtos amparados pola indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia. Terá lugar o vindeiro xoves 3 de novembro en horario de 16,00 a 21,00 horas.

A acción parte da idea de que o mel acumula unha importante historia produtiva dentro da comunidade galega, estando referenciadas numerosas alvarizas de fai moitos séculos que reflicten a relevancia que sempre tiveron as abellas na nosa contorna. Nesa liña, búscase difundir os principais parámetros do produto con selo de calidade para poñelo de relevo a través dunha cata seleccionada, así como os valores dispostos na lexislación vixente.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.