O Centro de Investigación Forestal de Lourizán celebrará o vindeiro xoves 20 de outubro ás 10: 00h unha xornada sobre as posibilidades da técnica do cultivo in vitro como ferramenta para acelerar a transferencia ao sector de novos portaenxertos específicos compatibles coas variedades da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) para soutos novos
Nesta xornada explicarase como o emprego das técnicas de propagación por cultivo in vitro poden acelerar o proceso de transferencia ao sector, de plantas libres de patóxenos e con elevada capacidade de multiplicación vexetativa.
Amosaranse as posibilidades dunha nova xeración de portaenxertos máis prometedores, por dous caracteres: pola maior compatibilidade coas variedades de castaña galegas, e pola mellor adaptabilidade as condicións climáticas das zonas de destino dos novos soutos.
Ao longo da xornada, tratarase da multiplicación e posibilidades de transferencia dos novos clons destinados a portaenxertos de castiñeiro, seguido dunha visita ás instalacións de propagación.
Por último, mediante un diálogo aberto, tentarase recoller as aportacións ou as visións dos asistentes sobre a problemática actual, coa finalidade de chegar a unha posta en común que facilite a colaboración entre profesionais relacionados co mundo do castiñeiro.