A Coruña comezará os traballos de restauración no reloxo urbano situado nas Lagoas


O Concello da Coruña, a través da concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, comezará esta semana os traballos de restauración no reloxo urbano situado no Paseo Marítimo das Lagoas. A actuación enmárcase nos plans do Goberno de Inés Rey de recuperación do patrimonio histórico-cultural da cidade, coa recente recuperación do mural da canteira de Leopoldo Nóvoa ou a apertura definitiva dos emblemáticos Xardíns de San Carlos.

O estudo previo aos traballos confirmou a necesidade de actuar sobre os elementos metálicos oxidados coa fin de mellorar o estado e conservación da devandita obra. As actuacións a realizar consisten na desmonte e saneado do material e elementos oxidados.

Os elementos irreparables serán retirados e substituídos por pezas de aceiro de carbono de características similares, coa fin de protexer e prever a súa degradación. Os elementos reparables serán tratados e levarase a cabo un repintado das superficies metálicas realizado polos servizos municipais. A empresa Maximino Seoane, especializada en mantemento integral de elementos metálicos, será a responsable de executar os traballos de restauración xunto cos do monumento a Luís Seoane iniciados hai unhas semanas.

Con esta actuación, o Goberno de Inés Rey avanza no seu compromiso coa recuperación do patrimonio artístico, sumando a restauración do reloxo das Lagoas ás xa executadas nos reloxos históricos do Obelisco, María Pita e xardíns de Méndez Núñez a fin de conservar e recuperar os elementos patrimoniais da cidade.