A enchente do Miño fai que as Termas da Chavasqueira funcionen intermitentemente


As termas públicas e gratuítas da Chavasqueira e do Muíño da Veiga funcionan de xeito intermitente no día como consecuencia da enchente do leito do río Miño. O aumento de caudal fixo que as termas da Chavasqueira quedasen anegadas e que as do Muíño non poidesen estar operativas temporalmente ao non poder desaugar.

En consecuencia, as termas funcionan intermitentemente, sucedéndose etapas nas que están inutilizables e outras nas que si poden ser usadas. Porén, o Concello traballa para que as termas se poidan utilizar sempre que sexa posible.


O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome criticou “a mala idea de quen decidiu situar as termas alí, xa que a súa proximidade ao río fai que estean inoperativas durante varios meses ao longo do ano, ademais de incrementar de xeito considerable os custos de mantemento das instalacións”