A Feira do Capón de Vilalba quenta motores de cara o 21 de decembro


A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, da coporación provincial de Lugo,  Pilar García Porto, participou no Parador de Vilalba xunto á alcaldesa, Elba Veleiro, na presentación da Feira do Capón que, este ano terá lugar na capital chairega o 21 de decembro.

A Deputación de Lugo colabora con esta cita na difusión a través da elaboración dun documental, elaborado polo Servizo de Audiovisuais da institución provincial, sobre o proceso de crianza deste produto.

O promocional proxectouse no acto de presentación, no que tamén estiveron presentes a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades, e representantes da Asociación de Criadores do Capón.

“Falar de capón é falar da nosa cultura, das nosas raíces, pero tamén da nosa capacidade para apostar por un sector primario que aporta produtos de primeira calidade para o mercado e para a gastronomía”, destacou a Deputada.

Asegurou que a Deputación de Lugo está sempre do lado “do sector primario, das persoas que traballan para manter vivo e impulsar o noso rural, e por iso, como non podía ser doutra maneira, colaboramos con esta cita, e coa súa difusión”. Nese sentido, destacou que o documental é unha boa mostra dese compromiso, “un traballo que recolle o longo e laborioso proceso de crianza, 100% artesanal, que durante 8 meses, levan a cabo os produtores chairegos para obter un produto de máxima calidade”.

“Tamén quero destacar a implicación e esforzo de cada un dos medio cento de criadores se encargan da crianza artesanal deste manxar”, afirmou. García Porto celebrou unha nova edición desta cita que atrae a un gran público a Vilalba e á Terra Chá durante unha xornada e que consigue impulsar o turismo e a hostalería.