A nova lei de Calidade alimentaria daralle unha nova dimensións ás producións galegas


O Clúster Alimentario de Galicia organizou esta mañá un almorzo informativo sobre as políticas de promoción e protección da calidade dos produtos alimentarios galegos e do fomento da I+D+i. Neste contexto director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, efendeu que a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia permitirá actualizar o marco normativo da nosa comunidade referido ao impulso da calidade dos produtos alimentarios que se producen ou comercializan no noso territorio.

Cabarcos incidiu en que o gran obxectivo desta futura norma -que está en tramitación- é que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva. Ao tempo, incidiu, búscase achegar ás persoas consumidoras todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade e estivo sometido a un especial coidado no proceso de produción e comercialización.

Durante a súa intervención, o director da Axencia tamén puxo en valor as producións galegas de calidade, que fan da nosa Comunidade un referente gastronómico. Así, destacou os 36 selos diferenciados elembrou o compromiso da Consellería do Medio Rural con este tipo de producións, para as que se investirán máis de 5,4 millóns de euros en 2023 na súa promoción.

No eido do I+D+i, José Luis Cabarcos puxo en valor os máis de 6,6 millóns de euros que van no orzamento de 2023 para proxectos de grupos operativos e de innovación agroforestal, repartidos en 3,6 millóns -un millón máis que neste 2022– para continuar reforzando a participación do sector privado na investigación e en máis de 3 millóns para iniciativas innovadoras como proxectos piloto e novos procesos e tecnoloxías.