A Xunta destaca o incremento dun 49% do turismo rural en Galicia no que vai de ano


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou nunha xornada sobre o turismo rural, onde fixo fincapé na importancia deste turismo para a nosa comunidade, resaltando o éxito do mesmo, xa que nos primeiros oito meses deste ano, rexistrou máis de 147.000 viaxeiros aloxados e 287.000 pernoctacións, cifras que superan nun 49% e 29%, respectivamente, as cifras do pasado.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, destacou que o turismo rural ten un gran potencial para estimular o crecemento da economía local. Isto é debido a súa complementariedade con outras actividades económicas, a súa contribución ao PIB e a creación de emprego e a súa capacidade de promover a dispersión da demanda no tempo, loitando contra a estacionalidade, e ao longo do territorio.

A xornada, levada a cabo como parte das actividades do Máster de Turismo impartido pola universidade de Vigo, tivo lugar na Aula Magna da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo. Os destinatarios desta mesa redonda sobre as necesidades, potencialidades e retos do turismo rural de Galicia son os propietarios e xestores de establecementos de turismo rural, estudantes do grado e do máster de turismo.