Arde Lucus busca a súa declaración como Festa de Interese Turístico Internacional


O executivo lucense de Lara Méndez acordou en Xunta de Goberno Local iniciar o procedemento para solicitar a declaración do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional. Así o avanzou a rexedora, quen subliñou que “tras este paso, o seguinte será levar esta instancia a Pleno e remitila ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, que será quen solicite logo á Xunta o seu informe favorable”.

Lara Méndez, acompañada do concelleiro Mauricio Repetto, explicou que “esta solicitude pódese facer efectiva nestes momentos, logo de cumprir xa os cinco anos como Festa de Interese Nacional, e porque consideramos que reúne todos os requisitos para acadar este recoñecemento”.

“O que comezou como unha festa para incentivar o sector da hostalaría do centro histórico, cunha duración dunha noite e enfocado principalmente á mocidade, converteuse nunha festa de recreación histórica, cun compoñente indentitario, patrimonial, cultural, lúdico e de dinamización económica único en España polo grado de implicación da cidade”, lembrou a alcaldesa, que citou algúns dos fitos que o Arde Lvcvs foi superando:Xa no ano 2003 amplíase a súa duración a todo o fin de semana, comezando o venres pola tarde e finalizando o domingo pola noite. Hoxe en día, a festa comeza xa o xoves.

No 2011 foi declarada festa de Interese Turístico de Galicia e no 2017 conseguiu o recoñecemento de festa de Interese Turístico Nacional.

Neste 2022 celebrouse o vixésimo primeiro aniversario da cita, que recuperou todo o seu esplendor, logo de dous anos de restricións pola pandemia.

Lara Méndez apuntou que “o gran éxito desta festa é, sen dúbida, a enorme implicación da cidadanía, que durante todos estes anos, xunto co impulso do Concello, apostamos por profundar no noso pasado romano, intentando mantelo vivo cunha recreación histórica cada ano máis fiel, pero ao mesmo tempo fomos quen de transmitilo de forma lúdica e participativa, exportando unha imaxe positiva e cordial da cidade e da xente de Lucus Augusti”.

En total, 19 asociacións de recreación histórica están implicadas na súa organización, sumando preto dun millar de socios, aos que hai que engadir ás persoas que mobilizan a través de redes de amigos e familiares, e que non sendo propiamente asociadas, colaboran especialmente durante a preparación de actividades programadas e os días da festa.

Tamén resulta fundamental a implicación dos distintos sectores da cidade, dos patrocinadores e tamén dos centros educativos, actores decisivos para manter viva a festa e as orixes históricas de Lugo e que cada ano organizan un desfile onde participan máis de 3.000 nenos.

“Sen este compromiso hoxe non poderíamos estar presentando aquí esta solicitude, polo que debemos, unha vez máis, agradecer o seu traballo e implicación pola cidade”, resaltou Méndez. Neste senso, fixo extensivo o agradecemento tamén ao equipo técnico municipal e para os edís implicadas no seu impulso desde que o alcalde Orozco apostou por esta festa: Carme Basadre, Rosanna Rielo, Ana González Abelleiro e Mauricio Repetto.

Ao longo do tempo, o Arde Lvcvs foi ampliando cada ano a súa presenza nacional e internacional, coa colaboración en moitos casos con outras asociacións e festas de recreacións nacional e internacionais, e, precisamente, foi durante a COVID e nos anos posteriores onde se alcanzaron os maiores índices de coñecemento desta festa fóra de Galicia e España grazas, en gran parte, ao tirón das novas tecnoloxías.

“Así, lembrade que na pandemia a festa continuou aínda que cunha moi baixa actividade presencial debido as medidas sanitarias, pero mantivemos prendida a chama do Arde Lvcvs a través de emisións por streaming e apoiándose no uso das redes sociais e as diferentes plataformas dixitais xa que as asociacións desenvolveron un traballo excepcional na difusión do noso pasado romano”, lembrou a rexedora.

En gran parte, grazas a ese traballo, os índices de ocupación hostaleira chegaron a preto do 90% na festa post pandemia.

Estas son algunhas das cifras acadadas neste esforzo pola internacionalización:Nos dous últimos anos, máis de 35 millóns de persoas de todo o mundo coñeceron o Arde Lvcvs a través da labor de difusión que realizaron xornalistas representantes de medios de comunicación de dez países e tres continentes. Así, a cita tivo presenza en países como China, México, Italia, Francia, Bulgaria, Arxentina, Canadá, Líbano, Uruguai, Cuba, Estados Unidos, Porto Rico e varios outros países de Latinoamérica, en medios cunha repercusión moi importante.

Os contidos do XXI Arde Lvcvs publicados a través das redes superaron o millón de impresións (número de veces que se mostraron) chegando a máis de 600.000 persoas de varios países e continentes, entre os que destacan por orde, ademais de España: Portugal, Bolivia, Estados Unidos, Arxentina, Italia, México, Reino Unido, Brasil, Ecuador, Colombia, Paraguai, Perú, O Salvador, Indonesia, República Dominicana, Nicaragua, Francia, Alemaña, Venezuela, Guatemala, Suíza, Honduras, Chile, Romanía, Uruguai.

Actualmente, certifícanse preto de 16.000 enlaces web que apuntan á web oficial do Arde Lvcvs, así como 250 web, na súa gran maioría en EEUU, Latinoamérica e Europa.

A comunidade das contas oficiais do Arde Lvcvs: Facebook, Instagram, Twitter e Youtube creceu un 4,7% en total en 2022, conseguindo un global de 42.315 seguidores ao finalizar a festa. Respecto a os contidos audiovisuais publicados, os vídeos rexistraron máis de 332.000 reproducións.

Outro dos fitos que levou a imaxe de Lugo e do Arde Lvcvs polo mundo foi o mural de Caio Julio César, do lucense Diego As, que foi recoñecido como o mellor mural do mundo no ano 2021 pola plataforma Street Art Cities, a maior plataforma de arte urbano do mundo.

“Proximamente se realizará un novo mural inspirado no mundo castrexo que esperamos supoña un novo fito”, avanzou a alcaldesa.

O edil de Xuventude, pola súa banda, lembrou, así mesmo, que no último FITUR, o Concello de Lugo foi galardonado co premio Tourism Women Friendly, promovido pola organización Mujeres para o Diálogo e a Educación (MDE), dentro da categoría "Destino”, polo protagonismo das mulleres nesta festa e, en particular, pola visibilidade das mulleres castrexas no Arde Lvcvs.

Repetto apuntou que “neste 2022 a festa regresou no seu máximo explendor, e foi a edición que obtivo o maior apoio privado da súa historia, con 18 empresas patrocinadoras, onde se implicaron numerosas empresas, tanto de Lugo como de fóra de Galicia”.

“Así, cómpre destacar que a 21 edición do Arde Lvcvs foi un éxito rotundo, un auténtico revulsivo económico e dinamizador para toda a cidade. Superouse a participación de anos pasados e supuxo, así mesmo, unha inxección económica para a cidade a todos os niveis, tanto para a hostalaría, onde a ocupación rondou o 100% durante toda a fin de semana, non só na capital, senón tamén en localidades limítrofes, sendo o sector máis beneficiado, pero non o único, pois tamén redundou moi positivamente no comercio local e no resto de establecementos.

“Neste senso, a edición deste ano supuxo un punto de inflexión para conseguir o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional, un obxectivo polo que o Concello leva tempo traballando”, concluíu o edil.