Benito Eladio Rodríguez Fernández presentou a súa adega Arco da Vella na cuarta sesión do ciclo “Cata a Arte” coa degustación e cata guiada do seu viño branco Torques do Castro 2021 e o seu tinto Tarabelo 2020, acompañada dun recital poético e de cancións. O evento tivo lugar no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense con aforo completo.
Como actividade complementaria á cata sucedeuse un recital poético e musical cos artistas Andrés Fernández Rodríguez (cantautor) e José Luis Fernández Carnicero (pianista) e cos poetas Curra Figueroa Panisse, Pepa Álvarez Gómez e Néstor Fernández Diéguez.
Levouse a cabo a través dunha intervención alterna de poetas e músicos, moderada polo adegueiro e tamén poeta Benito Eladio Rodríguez Fernández. Unha xornada moi completa, chea de poemas e cánticos alzados na honra do viño e da viña.
O ciclo celebrarase durante cinco xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 3 de novembro ata o 1 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo está limitado a 100 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.