José Manuel Fernández Anguiano. Anguiano, que non precisaba de máis nome e apelidos para que todos souberamos de quen falabamos, foi un dos pioneiros na posta en valor, promoción e recoñecemento dos viños galegos, moi comprometido cos especialmente próximos, os ourensáns, inicialmente os ribeiras.
Foi dos que, no último tercio do pasado século, decidimos coller o testigo reivindicativo dos treixaduras, albariños, godellos, torrontés, sousóns, brancellaos, caiños ou espadeiros, por diante -que no enfrente, agás abusos- das 'riojitis', 'castillitis', con outros signos de identidade autóctona que eclosionaran de xeito oficial e visible no "Tren dos Viños Galegos" impacto mediático para proxectar o REVIVAL, para a recuperación dos Viños de Valdeorras, un antes e un despois para o recoñecemento da realidade vitivinícola galega máis alá do Padornelo...
Moito despois viría o folclore e o "pandiguismo" organizado coa creación, por exemplo, da Irmandade dos Viños Galegos que puxemos conxuntamente en marcha coa coordenación de Pepe Posada, e a presidencia simbólica do tamén inesquencible Manuel María, tamén por poeta da Terra, comprometido.
Anguiano -e o apelido segue presente- formou parte do comité de cata das Transfronteirizas de HG&T, pioneiras sistemáticas desde os primeiros pasos do presente século, na posta en igualdade dos viños galegos co resto dos peninsulares, "raias alem aquem".
Onde había que aconsellar, probar, loubar, celebrar un viño dos nosos..., alí estivo sempre o amigo Anguiano ata que a idade e achaques o foron apartando. Inconfundible a súa teoría e praxe, deixounos un home de país, con raíces que deixa raíces.
Coida que non entren "turbios" por alá, ben querido compañeiro de viaxe!
Por Guillermo Campos